A súa carreira como editor é, para Paco Macías, “unha tristeza e unha alegría”: “Tardei 35 anos en aprender pero aprendín”. No 1990 fíxose oficial ese proxecto de seu que comezara cinco anos antes: a editorial Positivas. Esta supón un compromiso estreito coa difusión e a aposta polos novos escritores, así como polas novidades en xeral, en galego. Referenciando a Pessoa, abre os seus horizontes cara un “todo por facer”.
Como o “tipo optimista” que é, observa na situación actual da lingua galega “o mellor punto de partida da historia”. Para Macías foi vencido o “rexeitamento activo” percibido, hai anos, fóra e dentro do mundo editorial para co idioma. Hoxe é considerada como unha “lingua culta”, posto que ao buzón desta xestadora de producións únicamente en galego chegan novas propostas “cada dous días”.
No encontro co editor, no marco da presentación do monográfico Ciudad de la Selva, o editor alertou sobre a baixada da presencia do “papel galeguizado” en librerías: “Temos que buscar outras vías, como as presentacións. Nas nosas dúas últimas publicacións, entre o 80% e o 90% das vendas tiveron lugar aí”. Apunta que imprimir, a día de hoxe, é moito máis barato e anima a posibles emprendedores a dar o paso que el deu un día.