O presidente da Real Academia Galega (RAG), Henrique Monteagudo, e a presidenta do Congreso dos Deputados, Francina Armengol, asinaron este venres na Coruña un convenio de colaboración orientado á formación, o coñecemento e a difusión da lingua galega, con especial atención ao ámbito da linguaxe xurídica.
En virtude deste acordo, a RAG encargarase de verter ao galego as iniciativas lexislativas aprobadas pola Cámara Baixa, ademais de prestar apoio técnico e lingüístico cando o Congreso o requira para a tradución, validación ou elaboración de documentos vinculados á súa actividade non parlamentaria.
A sinatura tivo lugar no pazo municipal do Concello da Coruña, a poucos metros da sede da Academia, actualmente en obras de rehabilitación integral. Antes do acto, Armengol asinou no Libro de Honra da RAG e no do Concello, acompañada pola tesoureira da institución, María López-Sández, a arquiveira-bibliotecaria, María Dolores Sánchez Palomino, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras, e membros da corporación municipal.
Monteagudo agradeceu á presidenta do Congreso a súa visita —a primeira dunha persoa que ostenta a máxima autoridade das Cortes Xerais e a terceira do Estado en achegarse á Academia— e subliñou o valor simbólico e institucional do acordo. “Este acordo constitúe un paso de moito relevo no recoñecemento da diversidade lingüística do Estado que ampara a Constitución, e que se debe plasmar non só nas institucións das respectivas comunidades autónomas con lingua propia, senón tamén nas do Estado dunha maneira máis efectiva do que se ten feito ata agora”, afirmou.
O presidente da RAG lembrou que, desde que o Congreso aprobou en 2023 a reforma do seu regulamento para autorizar o uso das linguas cooficiais, “está a dar pasos moi significativos neste sentido”. Engadiu ademais que a colaboración coa Academia responde á demanda de que “os textos lexislativos estean á disposición de todos os falantes do Estado, e en particular dos profesionais do dereito e das administracións públicas que os empregan de maneira habitual”.
Pola súa banda, Francina Armengol destacou que a firma deste convenio nace dunha “conciencia compartida de que é imprescindible a vontade das institucións para respectar, preservar e promover todas as linguas”. Para a presidenta do Congreso, o acordo “vai máis alá dun éxito de convivencia” e supón “unha declaración de intencións sobre un obxectivo común: avanzar na pluralidade lingüística e consolidar o galego como medio de expresión a todos os niveis”.
Armengol concluíu cunha chamada á responsabilidade institucional e social: “Sería destruír e desbotar un patrimonio que é de todos e de todas, sería maltratar non só un idioma e un territorio, senón tamén as persoas que o habitan e mesmo a memoria de quen o transitaron, e xa que logo, de toda España”.