O Consello da Cultura Galega (CCG) acolleu este luns a presentación do ‘Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo. Atención pido señores’, un volume elaborado polo musicólogo Xosé Lois Foxo que recompila arredor de medio milleiro de cantos tradicionais recollidos neste territorio ourensán ao longo de máis de sesenta anos, entre 1962 e 2024. O acto contou coa participación da presidenta do CCG, Rosario Álvarez; do secretario xeral de lingua, Valentín García; do deputado provincial da Deputación de Ourense, Rosendo Luís Fernández; do propio autor, e dun grupo de informantes que ofreceron unha breve mostra interpretativa. O libro pode descargarse xa no sitio web do CCG.
Na súa intervención, Rosario Álvarez sinalou que a obra “documenta con rigor unha parte esencial do noso patrimonio inmaterial” e puxo o foco na necesidade de preservar e difundir este legado, ao que cualificou como “un tesouro cultural que nos identifica como comunidade e que forma parte dunha tradición milenaria en permanente renovación”. Pola súa banda, Rosendo Luís Fernández afirmou que “potenciar o tradicional é a mellor maneira de ser progresista” e repasou o extenso labor de recollida e difusión desenvolvido por Foxo ao longo de décadas. Para Valentín García, este traballo constitúe “a base na que beben as novas xeracións de creadores, nomeadamente músicos, que están a traballar hoxe e con grande fortuna”.
Foxo definiu o libro como “un cancioneiro humanístico, próximo á xente”, antes de dar paso ás intervencións de varias persoas informantes das Terras do Bolo —entre elas Felisa, Xonxa e Rogelio, este último vestido cun capote tradicional—, así como das cantoras de Trives.
O volume, editado co apoio da Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense e o Concello do Bolo, presenta un amplo traballo de documentación musical, sociolingüística e etnográfica. Inclúe transcricións, notación musical, rexistros sonoros e videográficos, ademais de case cincocentas imaxes que permiten contextualizar cada peza e ofrecer unha panorámica da vida cultural da comarca. O estudo introdutorio analiza o contexto histórico, musical e social das Terras do Bolo e presta especial atención ao papel das cantareiras, pandeireteiras, cegos coplistas, rapsodas e gaiteiros na transmisión da tradición oral.
Ao longo das súas preto de 500 páxinas, o cancioneiro reúne romances, coplas, cantos de traballo, pezas relixiosas, cantos de berce e composicións vinculadas ao ciclo anual e festivo —desde cantos de Reis e aninovos ata aguinaldos—, así como temáticas satíricas, humorísticas e amorosas. Cada canto vai acompañado de información detallada sobre o informante, a localidade e o contexto de execución, con notas explicativas que permiten comprender o seu papel na vida comunitaria.
Os materiais proceden de múltiples aldeas das Terras do Bolo, entre elas Lentellais, Outardepregos, Chao das Donas, Teixido, Celavente, Tuxe, Buxán ou Navallos. A amplitude temporal da recollida posibilita observar a evolución do repertorio, as mudanzas lingüísticas e as transformacións socioculturais experimentadas na comarca nas últimas seis décadas.
O volume complétase cun índice de melodías, que facilita a localización das pezas, e cun índice de audios que identifica os rexistros orixinais, co obxectivo de preservar a autenticidade das interpretacións.