O ‘Dicionario da nova literatura galega (86 voces responden a un inquérito, 1969)’ foi presentado este martes pola Xunta de Galicia. O traballo do ensaísta Xesús Alonso Montero ve a luz máis de 50 anos despois do seu inicio.
O libro é o resultado dunha enquisa respondida por 86 autores galegos que non tivesen ningunha obra publicada antes de 1939.
Desta forma, o traballo do ensaísta e presidente da Real Academia Galega entre 2013 e 2017, permite coñecer multitude de datos biográficos e debuxa as preocupacións e expectativas dun momento moi concreto da literatura galega.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na presentación dun libro que considera “excepcional para coñecer a historia literaria recente, para agradecer o esforzo dos escritores e escritoras que mantiveron acendido o facho da literatura galega en tempos máis difíciles”.
A Xunta quixo destacar a figura de Alonso Montero como un dos ensaístas galegos máis importantes das últimas décadas e subliñou as súas achegas a distintos campos como o da sociolingüística, a historia, a teoría e a crítica literaria ou a literatura comparada.