A campaña da Palabra do Ano 2025 entra na súa fase decisiva coa apertura da votación telemática no Portal das Palabras, a iniciativa impulsada pola Real Academia Galega (RAG) e a Fundación Barrié para divulgar o léxico galego e promover a participación cidadá arredor da lingua. Desde hoxe e ata o domingo 21 de decembro ás 23.59 horas, o público poderá escoller entre seis voces finalistas que, dalgunha maneira, recollen preocupacións, debates e celebracións que marcaron a actualidade do último ano: ‘desfeita’, ‘foliada’, ‘loia’, ‘lume’, ‘retrinco’ e ‘xenocidio’.
Segundo explican as entidades promotoras, as palabras seleccionadas evidencian tanto a presenza de termos patrimoniais de ampla tradición na fala como a aparición de usos recentes asociados a fenómenos sociais contemporáneos. A convivencia entre léxico histórico e neoloxismos reorientados ao contexto actual marca boa parte das propostas recollidas nesta edición.
Entre elas figura ‘desfeita’, definida pola RAG como un “grave dano, destrución ou estrago”, voz de longa traxectoria que procede do verbo desfacer e que, na opinión de quen a propuxo, continúa a ter unha forte presenza na lingua diaria. Tamén se inclúe ‘loia’, termo tradicionalmente vencellado á idea de gabanza enganosa e que hoxe incorpora un uso estendido para designar informacións falsas difundidas por medios electrónicos, nunha tentativa de evitar o anglicismo fake news.
Outro dos vocábulos máis repetidos na fase de suxestións foi ‘lume’, usado para aludir aos incendios forestais que afectaron Galicia no último verán nun contexto agravado polo cambio climático. Procedente do latín lūmen, a súa presenza nas propostas reflicte a preocupación social por un fenómeno que deixa impactos recorrentes no territorio galego.
No plano internacional, sitúase entre as finalistas ‘xenocidio’, termo definido como a “exterminación metódica dun grupo social por motivos étnicos, relixiosos ou políticos”. A súa escolla conecta coa crecente utilización desta palabra en espazos diplomáticos, xurídicos e mediáticos para describir o que múltiples voces internacionais cualifican como o masacre cometido por Israel en Gaza.
Mais non todo o panorama lingüístico de 2025 se vinculou a crises ou conflitos. A celebración dedicada ás cantareiras nas Letras Galegas deixou tamén pegada nas propostas cidadás. Nesa liña, destaca ‘foliada’, definida como unha reunión para cantar, bailar e desfrutar en grupo, que se converteu nunha das voces máis repetidas e que simboliza a vontade de reivindicar a tradición musical popular e o gozo compartido.
Pecha a listaxe ‘retrinco’, termo que remite ao Ano Castelao e ao libro de relatos publicado polo autor en 1934 baixo o título Retrincos. A palabra designa “os anacos que sobran dunha cousa despois de cortala” ou un “espazo moi breve de tempo”, mais algunhas das suxestións recibidas sinalan o seu potencial para nomear os formatos breves e fragmentarios que caracterizan a comunicación audiovisual contemporánea.
A RAG e a Fundación Barrié lembran que a iniciativa da Palabra do Ano, en marcha desde 2014, forma parte dun programa máis amplo de divulgación do léxico galego. O Portal das Palabras ofrece xogos, contidos didácticos e a palabra do día, mentres que o Ximnasio Léxico, aplicación dispoñible para Android e iOS, amplía os recursos para achegar o vocabulario galego a públicos diversos.
Desde a súa creación, a campaña consolidouse como un espazo participativo e de diálogo coa comunidade usuaria. Nos anos anteriores resultaron elixidas voces como ‘cantareira’ (2024), ‘cibercarracho’ (2023), ‘comadre’ (2022), ‘tanxugueiras’ (2021), ‘nós’ (2020) ou ‘sentidiño’ (2019), entre outras. Agora, o proceso para a edición de 2025 queda nas mans das persoas votantes, que decidirán cal destas seis propostas mellor representa o ano que remata.