A sexta edición do certame Enreguéifate, impulsado polos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo xa ten gañadoras nas diversas categorías. As pezas serán galardoadas o vindeiro 14 de abril no Auditorio de Galicia na Gala Enreguéifate-Regueifesta.
O xurado composto por Socorro García, técnica de normalización lingüística do Concello de Santiago; Carme Pereiro, normalizadora lingüística do Concello de Carballo; Manolo Maseda, mestre, músico e regueifeiro; e Séchu Sende, mestre, escritor e regueifeiro; tivo que valorar un total de 43 regueifas, 35 delas inscritas na categoría escolar e 8 na xeral.
Na categoría xeral a regueifa máis brava foi “Tempo de notas” de Os e as regueifeiros de Compostela, a máis aguda “Regueifa de Adolescencia” de Iván e Aroa, a máis diversa “Café con leite” de Intercontinental. Así, a peza máis reivindicativa foi “A regueifa pedra Angular-freestile” de Arrieiro e Chaminho, a mellor falada “Fachenda da nosa terra” da Escola de Regueifa de Carballo e a mellor cantada “Regueifa co espello” de Chámame lexión.
Dentro da categoría escolar, o certame recoñeceu como regueifa máis brava “Interxerando” de Vivantistas de Dodro e como a máis aguda “A Neira Horta” do alumnado de 2ºB do CEP Xosé Neira Vilas, mentres que a máis diversa foi para “Superheroes do cotián” de 1ºB do CEIP Quiroga Palacios. A máis reivindicativa foi “Regueixornal” de Regueifeirxs chairegxs e a mellora falada “A nosa lingua” de Uxía e María do Camballón. A peza mellor cantada foi “Rosalía” do alumnado de 6ºA do CEIP Agro do Muíño.
O certame Enreguéifate suma así gañadores a súa traxectoria que persegue o contacto da cidadanía coa improvisación oral en verso, especialmente no ámbito escolar. Todas as pezas poden verse na canle de Youtube do certame e tamén na web.