A Biblioteca de Galicia acolle a exposición ‘Unha árbore de historias. Cen anos de literatura infantil e xuvenil’, que realiza un percorrido desde os libros pioneiros da produción literaria en galego nese ámbito ata as producións máis actuais.
Así, na exposición aparecen os primeiros textos que escribiron Vicente Risco e Filgueira Valverde e tómase como referencia de partida o ano 1922, cando se publica a revista infantil ‘As Roladas’ impulsada por Ramón Cabanillas.
Desta forma, o itinerario revisa diferentes épocas e xéneros literarios, “sendo parada importante no percorrido” o reencontro con Balbino, “personaxe fundamental das letras galegas” creado por Xosé Neira Vilas en ‘Memorias dun neno labrego’.
O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, sinalou que esta retrospectiva bibliográfica convida a “coñecer mellor a historia literaria galega partindo destas lecturas temperás coas que se goza das primeiras experiencias cheas de fantasía, sendo a literatura infantil e xuvenil esencial na memoria cultural dun pobo, e máis cando a produción en galego pasou por tantas dificultades”.
UNHA ÁRBORE DE HISTORIA
Así mesmo, a mostra, simbolicamente, quere parecer unha árbore que prende e énchese de historias para contar actualmente “cunha follaxe frondosa e froitos cada vez máis brillantes”.
O Executivo galego indicou que, con este esquema, percorre a evolución da produción infantil e xuvenil en galego divida en varias seccións, a semente, a escuridade, o tronco, a luz, as ramas, o brotar, a follaxe e os froitos.