A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias do Campus de Lugo convocou, co apoio do SNL da USC, o concurso de vídeos ‘Petiscos de ciencia’ para “achegar a actividade científica á mocidade“, ademais de para “favorecer a divulgación en lingua galega dos contidos do labor que desenvolve a comunidade investigadora”.
O certame, tal e como informa a universidade nun comunicado, está aberto á participación do alumnado matriculado este curso en calquera das titulacións impartidas na USC, así como a estudantes de ESO, Bacharelato e Formación Profesional. Repartiranse 1.500 euros en premios entre as catro propostas máis valoradas polo xurado. O prazo de presentación de vídeos inéditos e orixinais, que poden ser elaborados de maneira individual ou en equipos de tres persoas coordinadas por un docente, finaliza o 22 de abril de 2022.
As propostas presentadas a concurso deben remitirse á dirección de correo electrónico fcdeca@usc.gal e teñen que estar aloxadas nunha canle de Youtube baixo licenzas Creative Commons, tal e como recollen as bases do certame, nas que se tamén se explica que o xurado encargado de avaliar as propostas creativas terán en conta a súa calidade técnica (imaxe e son), a corrección lingüística, a orixinalidade do vídeo e a veracidade dos contidos científicos.
Destacan que os vídeos deberán ser en galego, tanto nas expresións orais como os elementos escritos, e a súa duración non pode ser inferior a 30 segundos nin superior a 90 segundos.
O xurado anunciará as candidaturas gañadoras nas páxinas web da Facultade de Ciencias e do Servizo de Normalización Lingüística da USC. A entrega dos premios celebrarase o 20 de maio na Facultade de Ciencias do Campus de Lugo, no marco dunha sesión na que unha persoa de referencia no ámbito científico de Galicia ofrecerá un relatorio sobre a importancia da ciencia na sociedade.
CATEGORÍAS
Son dúas as categorías que contempla o concurso, unha aberta a propostas presentadas por alumnado de ESO, Bacharelato e FormaciónProfesional, e outra para estudantes universitarios. O mellor traballo presentado en cada unha das categorías recibirá como premio unha gratificación en metálico de 500 euros, mentres que as segundas candidaturas máis valoradas en cada modalidade recibirán 250 euros.