As consellerías de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Secretaría Xeral da Lingua, e de Política Social, a través da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, e mais a Asociación Galega de Familias de Acollida (Acougo), presentaron hoxe o novo proxecto Os Bolechas. Familias acolledoras, un conxunto de materiais dirixidos á xente miúda e ás familias que participan en acollida temporal de nenos e nenas, que teñen como finalidade dinamizar o uso do galego nestes procesos.
O responsable da Lingua salientou “a oportunidade de favorecer e reforzar tamén a integración lingüística e a transmisión interxeracional do galego dos nenos e nenas durante os procesos de acollida familiar”, así como “de facelo da man dos Bolechas, uns dos grandes referentes da dinamización lingüística na cativada”.
Pola súa parte, o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, lembrou que en Galicia máis dun milleiro de nenos e nenas poden vivir nun fogar grazas ao acollemento familiar, a través do cal estes menores medran nun fogar distinto ao dos seus proxenitores. Por esta razón, a Xunta de Galicia apoia todas as iniciativas que permiten difundir e potenciar o acollemento familiar como forma prioritaria de protección cando se produce unha situación de desamparo dun menor.
Canda eles, participaron na rolda de prensa Cristina Gómez Costoya e Carmen Rodríguez, vicepresidenta e directora xeral de Acougo, respectivamente; e Teté Rocamonde, representante de Bolanda Edicións e tamén nai acolledora.
Un proxecto didáctico
O novo proxecto didáctico Os Bolechas. Familias acolledoras sae do prelo da man de Bolanda Edicións integrado por un libro e un caderno de actividades en galego que abordan a realidade dos nenos e nenas que pasan por procesos temporais de acollida. Á casa dos irmáns Bolechas chega Balbino, que vivirá coa familia Bolechas para compartir temporalmente con eles fogar e aventuras. O obxectivo, ademais de dinamizar o uso da lingua galega na cativada a través da lectura, é o de sensibilizar a prol desta realidade social e axudar a normalizar este tipo de situacións tan habituais.