A investigadora do Instituto Galego da Lingua Reyes Rodríguez Rodríguez vén de publicar, a través da Universidade de Vigo, a monografía sociolingüística A Limia Baixa. Onde o mundo se chama en galego. A través dunha análise entre a mocidade da zona da Limia Baixa, Rodríguez relata a situación actual da lingua galega, facendo fincapé nas actitudes e perxuízos aflorados entre a comunidade.
Como define a súa descrición: “A través dos mozos e mozas baixolimegas investígase a posición do galego, o compromiso coa súa lingua no presente e no futuro e tamén a presenza e defensa da súa variedade dialectal”. Debido ao marco territorial, o galego empregado na zona presenta unha situación particular: monolingüismo. O contacto co galego estándar, co español e co portugués inflúe na existencia, mantemento ou retroceso dos seus trazos dialectais e, por suposto, nas actitudes que os falantes teñen debido a esta situación.
O marco de estudo segue a actualidade avaliando o impacto da pandemia e as súas repercusións na lingua ou a relación da mocidade baixolimega no eido tecnolóxico, abranguendo as redes sociais, videoconferencias, WhatsApp…