A porcentaxe de alumnos que recibían todas as materias en galego caeu 13 puntos entre en 10 anos, rexistrando no 2018 só un 1% de estudantes que recibiron todas as súas clases en galego. Este dato é un nos se apoia a Deputación de Lugo para pedir á Xunta a fomentar a lingua entre a xente máis nova.
O pasado 26 de abril, a Deputación de Lugo aprobou no Pleno provincial unha proposta para instar ao Goberno Executivo a impulsar medidas de fomento do uso do galego e frear a caída de uso entre a mocidade. A proposta, presentada polo goberno provincial, contou cos votos a favor do PSG e do BNG, coa abstención do PP.
Dende a Deputación de Lugo piden á Xunta que garanta o ensino en galego en todos os niveis educativos e universidades. Tamén apuntan á importancia da tecnoloxía móbil e o seu impacto no uso da lingua, polo que chaman ao investimento en contidos dixitais de calidade en galego dirixidos á mocidade.
En dito pleno, lamentouse o retroceso no uso do galego que sinalan organismos como a Real Academia Galega ou o consello da Cultura Galega. A voceira socialista do Goberno lugués criticou o Decreto de Plurilingüismo de Feijoo do ano 2010, afirmando que “é tan só unha cortina de fume para agochar unhas políticas pensadas para manter a situación de preeminencia do castelán”.
García Porto comentou a caída dos investimentos no fomento da lingua, que caeu un 22% nos orzamentos do ano 2022, sinalando que “O recorte do PP nestes anos é de aproximadamente un 41%”. A voceira socialista tamén criticou o Plan de Dinamización da lingua galega na mocidade 2019-2022, pois dende o 2008 apréciase “un importante descenso do bilingüismo con predominio do galego que se traduce nun aumento dos usos monolingües do castelán”.