Coa súa última suba, unha panxoliña en galego sobre o apalpador, Galego para nenos, ou Fátima e Álvaro, continúan co seu activismo artístico en favor da aproximación da lingua a toda a crianza do territorio, sen descoidar aquela “con necesidades educativas especiais”. A través das súas plataformas e redes sociais de YouTube, Instagram, TikTok, X e Facebook, este dúo comparte semente noutro nivel, a maiores deste compromiso multimedia: un neno de catro anos, a través do cal percibiron a carencia de “opción algunha de ter entretemento audiovisual en galego”. Agravada pola época festiva, outra ausencia que apuntan é a relativa aos xoguetes, “sexan os monecos de protagonistas dunha película, dunha serie ou dun videoxogo”.
Ver esta publicación en Instagram
Quen está detrás de Galego para nenos?
Somos Fátima e Álvaro, papás dun neno de catro anos. Fátima é logopeda nun centro de atención temperá e traballa con pequenos dende os 0 aos 6 anos. Eu, Álvaro, son administrativo na administración. Non tiñamos experiencia previa na produción audiovisual, pero xuntamos os coñecementos educativos de Fátima co meu gusto pola música máis o debuxo para lanzármonos a este proxecto, xa que vimos que o noso fillo apenas tiña opción algunha de ter entretemento audivisual en galego.
Credes que lles é facilitado ás crianzas galegas diversión e ocio en galego?
Podes entrar nunha xoguetería da túa vila ou cidade e non ver nada en galego. Sexan os monecos de protagonistas dunha película, dunha serie ou dun videoxogo. O mesmo acontece coas estreas no cine, nin debuxos nin videoxogos en galego por ningures, con contadas excepcións. Tiñamos claro que non podiamos facer nada dun nivel coma o de Patrulla Canina, Peppa Pig ou algunha das películas de Disney mais si vídeos para o YouTube cos que aprender as cores, as letras, os animais…
Sobre o caso de Xabarín, parécevos que está a realizar a cobertura axeitada?
A pesar de que o melloraron últimamente e, mesmo, somos fans da serie Bibopalula, por exemplo, non chega a competir cos debuxos e pelis do momento. Pensamos que estes se deberían dobrar ao galego. Poño o exemplo outra vez da xoguetería, onde podes ver cales son os debuxos ou películas de maior éxito entre a rapazada. Ningunha delas a atoparás en galego. Nin no Xabarín nin no cine e tampouco nas demais plataformas, como poden ser Netflix ou Amazon Prime. Hai contadas excepcións, que son difíciles de atopar pois non che van saír predeterminadas en galego aínda que exista a posibilidade de consumilas así. Cremos que deberiamos ter unha canle de TV emitindo contido infantil e xuvenil en galego as 24 horas, e non a temos.
A que público apuntades cando elaborades os contidos? Máis aos nenos ou ás familias?
Os vídeos están pensados para o YouTube e, no resto de redes sociais, estamos presentes para achegar o contido ás familias, profesorado e demais. O obxectivo é ir dando a coñecer o proxecto máis e máis. O noso contido pode ser desfrutado dende a casa, aproveitando para traballar as letras ou os números; así como nas escolas, en Infantil e incluso Primaria. Elaboramos, asemade, vídeos con pictogramas, unha ferramenta que facilita a comunicación aos peques con necesidades educativas especiais.
Recibides algún tipo de comentario negativo de volta por parte dos usuarios? Especialmente pola lingua.
Hate ao galego non recibimos. No Youtube, ao ser contido infantil, non permite comentarios polo que só vemos likes ou dislikes. A plataforma, ás veces, pon o noso contido en países de todo o mundo e quizais si hai quen non queira velo ao ser nunha lingua totalmente allea. Seguramente os dislikes veñan máis ben pola calidade dos vídeos, non tanto polo idioma.
Se puidesedes trazar o horizonte da oferta cultural para a crianza, como sería esta?
Nós facemos o que podemos. Ogallá se xuntase un equipo multidisciplinar de docentes e profesionais do audiovisual, que recollan esta idea e fagan vídeos educativos de gran calidade e en cantidade para colexios e familias. Mentres tanto, tentaremos aportar que poda servir a algúns peques a ver e entender o mundo que os rodea en galego.