Este domingo, 19 de decembro, fixéronse 40 anos da realización no Centro Don Bosco de Santiago de Compostela da primeira asemblea da Associaçom Galega da Língua (AGAL). Naquela data, sinala a entidade nun comunicado, 50 persoas botaban a andar un proxecto chamado a mudar o rumbo da lingua no que supuxo o comezo do movemento reintegracionista moderno e do desenvolvemento sistemático desta escrita.
Daquel encontro saíu o primeiro Consello da entidade, presidido por Xavier Alcalá. A coincidir con este aniversario, a Associaçom realiou este domingo un acto de homenaxe que, naquel mesmo lugar, reunirá as e os actuais membros da AGAL.
Na asemblea deste 19 de decembro nomearanse como socios de honra os profesores José Luís Rodríguez, José-Martinho Montero Santalha e Isaac Alonso Estravis, fundadores e aínda membros activos da AGAL. A continuación, inaugurarase, na presenza de representantes de diferentes colectivos e institucións, unha placa conmemorativa no exterior deste centro a lembrar o acto fundacional cos nomes das 40 persoas que promoveron en 1981 a entidade.
Cápsula do tempo
Ademais, no interior do recinto enterrarase unha cápsula do tempo que recollerá as avaliacións das persoas participantes sobre a situación actual da lingua galega e mais unha previsión da mesma en 2081. Ese é o ano no que se prevé abrir esta cápsula, a coincidir co centenario da AGAL.
O contedor acollerá textos inéditos que só se darán a coñecer dentro de 60 anos, e poderá conter tamén obxectos que se consideren representativos da actual situación da lingua no país.
O día continuou cun xantar no que intervirán diferentes socias e socios fundadores a lembrar aquel momento fundacional e a recoñecer o traballo de toda unha vida desenvolvido por José Luís Rodríguez, José-Martinho Montero Santalha e Isaac Alonso Estravis no seo do reintegracionismo.
O proceso de fundación da AGAL foi impulsionado por un numeroso grupo de persoas, moitas delas discípulas de Ricardo Carvalho Calero. Xavier Alcalá, José Luís Rodrigues, Aracéli Herrero, Xosé Ramón Pena, José Martinho Montero Santalha, Maria do Carmo Henríquez Salido, Joám Trilho, X. Rodríguez Baixeras, António Gil, José Maria Monterroso Devesa, Joám Carlos Rábade Castinheira, Joaquim Campo Freire ou Manuel Miragaia Doldám aparecen como algúns dos nomes máis destacados daquel proceso, sinala a AGAL nun comunicado enviado aos medios.
Destacan desde a entidade que, “aínda que algúns deles se desvincularon do colectivo co tempo, sorprende como, logo de 40 anos de traxectoria, moitos continúan vencellados ao proxecto e á causa lusista, ademais de ser fundamentais no desenvolvemento doutros proxectos do movemento reintegracionista”.