Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Queres escoitar libros en galego?… Xa tes a primeira editorial de audiolibros en galego

Ler libros en galegos está ben. Escoitalos tamén, e agora é posible. Léocho?, a primeira editorial de audiolibros en galego verá a luz o vindeiro 8 de xullo. Así o anunciaron no seu perfil de Twitter, nomeando a Valentín Lamas Carvajal coa súa cita “comprádenos, que vos habedes rir un pouco e darme as gracias porque é unha editorial que se fixo por vosoutros e para vosoutros”.

Nun momento no que os audiolibros medran de maneira exponencial, chega Léocho?, sendo así a primeira editorial que distribuirá literatura neste formato. Só nos últimos tres anos, esta industria medrou un 80%, o que xustifica a importancia da creación dunha editorial que publique obras no noso idioma.

Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Eduardo Pondal ou Filomena Dato son algúns dos autores cuxas obras se poderán escoitar, como adiantaron dende a Editorial Léocho?, que animaron nas súas redes a adiviñar a través de fotografías os autores e autoras que se atoparán no seu catálogo, todas elas “figuras representativas do Rexurdimento da nosa literatura”.

Aires d’a miña Terra, de curros Enríquez, a Tecedeira de Bonaval, de Antonio López Ferreiro, e Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro son algunhas das obras que xa anunciaron a través de Twitter, presentando ademais un adianto de cada unha de como se escoitarán.

Porén, para poder descargar e desfrutar de todas as obras haberá que esperar ao vindeiro día 8, día no que a súa páxina web leocho.gal comezará a funcionar.

“Nace a primeira editorial de audiolibros en lingua galega. Creouse para ti, que queres ler pero non atopas o momento axeitado. Cos nosos audiolibros poderás facelo. Gozar, cando e onde queiras, de calquera libro do noso catálogo. Léocho?”, animan dende a editorial.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.