Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

O galego na UVigo, entre a oportunidade e o momento crítico

A situación do galego na Universidade de Vigo presenta, como no resto de universidades galegas, luces e sombras, segundo a análise realizada por Beni Salgado, responsable da Área de Normalización Lingüística da institución. Sen achegar polo momento cifras pechadas, Salgado define o escenario como unha “botella medio chea”, cun marco normativo e administrativo favorábel, mais con usos reais desiguais que abren un espazo de intervención.

Dende o punto de vista institucional, Salgado subliña que a UVigo conta con estatutos, regulamentos e recoñecemento do galego como lingua propia, elementos que cualifica de “correctos” e que permiten orientar políticas lingüísticas. “Temos o marco político e administrativo para facer cambios”, sinala, incidindo no valor simbólico e operativo destas ferramentas.

Porén, cando se analizan os comportamentos reais, especialmente na docencia, o panorama é máis complexo. De maneira aproximada, Salgado describe unha universidade cun 15–20% do profesorado que usa sempre o galego, fronte a un 40% que emprega de maneira exclusiva o castelán, e un bloque intermedio arredor do 30% que alterna linguas. “Hai xogo se sabemos xogar con esas porcentaxes”, afirma, comparando a situación coa da sociedade galega actual, caracterizada por un bilingüismo funcional.

Diferenzas entre campus

A UVigo conta con tres campus —Vigo, Pontevedra e Ourense—, e os datos manexados pola Área de Normalización Lingüística apuntan a diferenzas significativas entre eles. Vigo aparece como o campus máis castelanizado, mentres que Pontevedra e, sobre todo, Ourense presentan maiores porcentaxes de uso do galego en determinadas titulacións.

Salgado explica que esta información procede dun traballo recente realizado cos coordinadores e coordinadoras de normalización de cada centro, cuxos resultados foron trasladados á Reitoría e á Vicerreitoría de Extensión Universitaria. A posibilidade de facer públicos estes datos está sobre a mesa, co obxectivo de poder comparar a evolución ano a ano e planificar actuacións máis precisas.

As diferenzas por ramas do coñecemento reproducen un patrón habitual noutras universidades galegas: as humanidades e ciencias sociais amosan niveis máis altos de uso do galego, mentres que nas ciencias exactas, técnicas e da saúde predomina o castelán.

Dentro das propias humanidades hai contrastes. Titulacións como Comunicación ou Educación sitúanse entre as máis galeguizadas, mentres que outras áreas presentan unha presenza do galego máis reducida. “É o reflexo do que pasa fóra da universidade”, resume Salgado, quen insiste en que estes datos permiten identificar espazos onde actuar con políticas específicas.

Internacionalización e lingua propia

Outro dos eixos importantes é a relación entre o galego e a internacionalización. Para Salgado, non se trata de ámbitos incompatibles: “Igualdade, internacionalización e galeguización non teñen por que ser contrarias”. O responsable da normalización lingüística defende a incorporación do inglés como lingua académica internacional, mais alerta do risco de que iso supoña relegar o galego.

No caso do estudantado Erasmus ou Sicue, Salgado aposta por políticas de acollida lingüística e cultural que presenten o galego como un valor engadido. “O inglés xa é atractivo por si mesmo, os esforzos temos que concentralos no galego”, explica. Tamén sinala as oportunidades do espazo lusófono, con referencias a Portugal, Brasil ou países africanos de lingua portuguesa, como ámbitos nos que o galego pode funcionar como ponte.

O papel clave do profesorado

Un dos puntos centrais da análise é o papel do profesorado como referente lingüístico. Salgado lembra a existencia dun estudo sociolingüístico da Universidade de Vigo de 2018, no que xa se destacaba a influencia decisiva da lingua empregada nas aulas, nos materiais docentes e nas referencias bibliográficas.

A súa proposta pasa por concentrar esforzos no profesorado, non só mediante formación lingüística, senón a través de proxectos piloto, liñas de graos en galego e unha planificación progresiva por campus. “Se demostramos que o galego funciona e crea bos profesionais, a xente toma nota”, afirma, defendendo a necesidade de investimento económico equiparable ao que xa se destina a docencia en inglés.

Salgado recoñece a complexidade dos incentivos estruturais, como compensacións horarias ou administrativas, e apunta que experiencias previas non tiveron a resposta agardada pola súa carga burocrática. Con todo, non descarta estas medidas se se simplifican e se lles dá visibilidade, combinándoas con outras fórmulas de impulso.

A reflexión sobre a UVigo insírese nun debate máis amplo no sistema universitario galego, tamén presente noutras institucións como a Universidade de Santiago de Compostela, onde a política lingüística forma parte da axenda académica. Para Salgado, a clave está en planificar a medio prazo, apostar por recursos estables e entender o galego como parte da industria cultural e científica.

Estamos nun momento crítico, non só para o galego, senón para todas as linguas”, conclúe, vinculando a cuestión lingüística cos grandes debates contemporáneos, desde a diversidade cultural até os cambios tecnolóxicos e a intelixencia artificial. Un escenario que, ao seu xuízo, esixe decidir que conservar e que transformar no futuro da universidade.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.