A sala Ángel Valente de Ourense acolleu esta segunda feira unha mesa redonda centrada no papel da lingua galega na democracia, dentro do ciclo ‘50 anos de España en liberdade’ impulsado pola Subdelegación do Goberno. O encontro, baixo o título ‘Lingua, educación e liberdade: o galego na construción da democracia’, reuniu os escritores Juan Tallón, Dores Tembrás, a profesora e sociolingüista María Pilar García Negro e o editor Manuel Bragado, quen actuou como moderador.
O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, abriu a sesión lembrando que, tras “un período escuro da nosa historia, no que a diversidade lingüística foi silenciada e perseguida”, o galego sobreviviu grazas ao labor continuado de “creadoras, docentes, activistas, editoras, cidadáns anónimos, mulleres e homes” que contribuíron a que a lingua “recuperase espazo público, prestixio e futuro”.
Manuel Bragado expuxo datos que definiron o ton da discusión: actualmente, o 42% da poboación galega usa o idioma habitualmente, fronte ao 58% de hai quince anos e ao 68,6% de 1992. Para o editor, esta caída convive cun fenómeno contrastado: “Nestes 50 últimos anos perdemos a metade de falantes habituais de galego e, ao mesmo tempo, desenvolvemos unha industria cultural como nunca tivemos na nosa historia”.
Bragado lembrou que no ano 1975 os editores publicaron “68 títulos en galego” asinados por figuras como Fernández del Riego, Isaac Díaz Pardo, Enrique Alvarellos, Manuel María ou Álvarez Blázquez, todos eles “activistas da causa galeguista”. Hoxe, segundo apuntou, publícanse arredor de 1.200 libros en galego ao ano. Un avance que atribuíu ao compromiso dun sector cultural que, malia contar con “públicos pequenos”, supliu “a ausencia de políticas públicas” no ámbito da lingua. “A industria cultural galega non é a que soñamos, pero é a que construímos”, resumiu.
Pola súa banda, María Pilar García Negro analizou a situación legal da lingua desde finais do franquismo. Sostivo que existe unha “continuidade” entre o decreto de 31 de outubro de 1975 —que regulaba as chamadas ‘linguas rexionais’— e o marco constitucional actual. “Mantense na lexislación vixente o imperio do español e a situación subalterna das outras linguas, entre elas o galego”, afirmou.
A profesora recordou tamén a súa experiencia docente en 1975, cando impartía Lingua Francesa no Seminario Diocesano de Lugo usando o galego como lingua vehicular. Xa como funcionaria do Estado, explicou, impartiu docencia en galego no Instituto Eusebio da Garda e posteriormente na Sardiñeira, “polo que se me incoou un expediente” ao abeiro da Lei de Normalización Lingüística, que obrigaba a impartir Lingua e Literatura Castelá en español. “Pasei de ser alegal a ser ilegal”, indicou, incidindo en como o denominado “conflito normativo” condicionou durante décadas o uso da lingua.
A escritora Dores Tembrás repasou a evolución da poesía galega ao longo das últimas décadas, salientando que a tradición continúa viva pero recoñecendo a “situación terríbel” do idioma. Para ela, é necesaria “vontade para non exterminala e que non esmoreza”, así como “ferramentas e apoio” que permitan que a industria cultural galega “non siga quedando atrás”.
O xornalista e novelista Juan Tallón, tamén nado en 1975 nunha familia galegofalante, describiu un “balanzo irregular” da literatura e da situación lingüística. Sinalou ás administracións como responsables de parte dos atrancos do sector editorial en galego e confesou sentir “envexa doutros territorios como Catalunya”, onde existen políticas de promoción cultural que, ao seu ver, “aquí non imaxinamos”.