No Consello da Cultura Galega, no marco do XXVII Encontro para a normalización lingüística, Conchi Cochón Rodríguez debuxou unha panorámica de case tres décadas de traballo conxunto arredor da lingua galega dende os concellos e resumiu a filosofía que sostén Alingua, a Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega, nacida en 2019 para dar estrutura a esa cooperación. A súa intervención foi tamén unha chamada de atención sobre a precariedade e a sobrecarga que seguen marcando o día a día de moitos servizos de normalización.
Cochón comezou describindo a realidade de boa parte deste persoal técnico, que adoita traballar sen equipos e con moitas frontes abertas. “Afrontamos o día a día en soidade”, sintetizou, antes de recorrer a unha imaxe que arrincou sorrisos na sala: “Sempre penso que somos como feiticeiras antigas, pechadas nunha torre, creando apócemas de sortilexios para convencer”. Lembrou que existen “lugares afortunados”, como a Universidade de Santiago ou os concellos da Coruña e de Santiago, onde os equipos poden replicarse, pero insistiu en que a sensación dominante é a de illamento.
Nese contexto, evocou a creación da CTNL (Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua), a asociación de técnicas e técnicos de normalización lingüística constituída en 1995, que ela presentou como a súa particular “Ávalon”, a illa mítica na que é posible “unir forzas, compartir experiencias e organizar formación específica”. Segundo explicou, esa rede profesional foi o caldo de cultivo de numerosos proxectos posteriores e da propia Alingua.
O primeiro gran laboratorio desa colaboración foi Ciberlingua, un proxecto impulsado no curso 2000-2001, “moito antes do Plan Xeral de Normalización”, dirixido a profesorado e alumnado do primeiro ciclo da ESO. O obxectivo era combinar alfabetización informática nun momento de expansión da rede co uso do programa CLIC para crear materiais e contidos multimedia en galego. Na súa primeira edición participaron cinco concellos e tres entidades, e en 2004 xa eran once concellos, coa colaboración da obra social de Caixa Galicia, que achegou 28.000 euros.
Porén, Ciberlingua acabou chocando coa burocracia municipal. O programa sustentábase en convenios de colaboración anuais, cunha memoria orzamentaria global que se compartimentaba entre todas as entidades participantes. “Foi un erro que complicou moitísimo o esforzo do programa ata o punto de facelo inviable”, recoñeceu Cochón. Os prazos para informar e supervisar os gastos excedían amplamente o marco temporal dun curso académico, o que acabou por bloquear a continuidade da iniciativa. A lección foi clara: cómpre abandonar os convenios complexos e recorrer a acordos e protocolos de colaboración que recollan obxectivos xerais e liñas de actuación, pero sen despezar o gasto.
A partir dese precedente fóronse articulando outros proxectos compartidos entre servizos de normalización que, a diferenza de Ciberlingua, seguen vivos hoxe. A relatora detívose en cinco iniciativas que, en conxunto, explican o camiño que leva a Alingua.
O Clube de Debate, creado en 2012, xurdiu cando trece concellos decidiron sumar esforzos a partir da experiencia local de Pontevedra. Dirixido a alumnado de 3º e 4º de ESO e 1º de bacharelato, busca promover o espírito crítico, a tolerancia, a diversidade de pensamento e o traballo en equipo. Cochón salientou o papel “fundamental” dos equipos de normalización lingüística e do profesorado, coa mirada posta non só nos debates en si, senón nos espazos de socialización que rodean a competición: momentos de distensión, de nervios compartidos, nos que se procura que a rapazada use o galego tamén fóra das intervencións formais. O deseño inclúe ademais a mestura de mozos e mozas de contornas urbanas e máis vilas para que escoiten distintas formas de falar galego, “mostrar referentes en galego a quen non fala e apoderar a quen fala”.
En 2015 presentouse o programa Apego, que xa viña xestándose dous anos antes grazas á iniciativa de catro técnicas da Cotenol, procedentes de concellos como Carballo, Compostela ou Ames. O proxecto consolidouse no curso “Traballando en lingua en Carballo” de 2014, centrado na transmisión interxeracional do galego. O obxectivo de Apego é incidir na transmisión da lingua no ámbito familiar e nas primeiras contornas de socialización, para axudar as crianzas a “medrar co galego como lingua de seu”. Para iso, trabállase sobre todo coas persoas adultas de referencia: realízanse entrevistas persoais ás familias para incorporalas ao programa, ofrécese formación, créanse espazos de socialización a través de actividades, mantense unha canle informativa constante mediante web, correo electrónico e redes sociais, e ponse á súa disposición un conxunto de recursos descargables e materiais físicos en galego.
Outra das iniciativas destacadas é Joutubeiras e máis, que hoxe funciona como plataforma para incentivar e fortalecer a creación de contidos en galego nas redes sociais, pero que non naceu coa forma actual. O proxecto comezou a definirse en 2015 nun novo curso en Carballo, daquela co eixo “mocidade e lingua”, a partir dunha proposta de Mónica Fernández Valencia, técnica de normalización do Concello de Ourense. En 2017 puxéronse en marcha as primeiras actividades baixo a denominación “Joutubeiras”, escrita con arroba, con dez concellos implicados e un salto cualitativo: a incorporación das tres universidades galegas e da Deputación da Coruña, o que permitiu “trascender o ámbito municipal”. En 2021 actualizouse a marca e, en 2024, abríronse a novas plataformas, pasando a chamarse “Youtubeiras+”.
O programa artéllase arredor de dúas tarefas principais: por unha banda, formar en galego persoas interesadas en crear contidos nas redes; pola outra, conectar quen crea contido en galego con quen o consome. Para conseguilo, organízanse obradoiros de formación dirixidos a alumnado, profesorado e xente adulta, un certame de vídeos curtos, un sitio web específico e unha gala final que pecha cada edición.
No ámbito da oralidade, Reguéifate constitúe outro piar do traballo compartido. Nado en 2017, foi impulsado inicialmente polos concellos de Ames, Santiago de Compostela e Teo, co asesoramento de Sechu Sende e Manolo Maceda como principais regueifeiros. En 2020 sumáronse Rianxo e Pontevedra; en 2022 Rianxo abandonou o proxecto e incorporouse Carballo, e na edición actual barállase a entrada do Concello de Arzúa. Esta dinámica de entradas e saídas, apuntou Cochón, está directamente relacionada coas fortalezas e debilidades dos servizos de normalización locais.
Regueifate promove a improvisación oral en verso como ferramenta de normalización lingüística, combinando obradoiros de formación para profesorado e alumnado, unha unidade didáctica para o último ciclo de primaria e un certame de regueifas con diferentes categorías e premios.
Toda esta experiencia acumulada contribuíu directamente á creación de Alingua, Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega, constituída en 2019 con 18 concellos socios. Hoxe, segundo concretou Cochón, forman parte da entidade 21 concellos e dúas entidades amigas. “A orixe principal desta asociación foi a necesidade”, resumiu, en referencia á busca dunha fórmula que permitise “facilitar a xestión dos proxectos colaborativos con menos atrancos administrativos, con máis recursos e con menos carga de traballo para o persoal técnico”.
En Alingua poden integrarse entidades locais –concellos e deputacións– que desenvolvan políticas a prol do galego e conten con servizos de normalización lingüística, así como entidades amigas, públicas ou privadas, que teñan como obxectivo a defensa da lingua. A xestión dos proxectos é cooperativa: compártense ideas, deseños, gastos, estratexias de difusión, materiais e sistemas de avaliación, configurando unha rede que intenta compensar a fragilidade de cada servizo individual.
Cochón detallou tamén o camiño organizativo habitual dun proxecto colaborativo. Todo adoita comezar cunha idea xurdida dunha persoa ou dun pequeno grupo de traballo, que lle dá unha primeira forma definindo obxectivos, socios potenciais, público destinatario, fases, accións e tipo de materiais. A proposta pasa despois a un grupo máis amplo que a completa e mellora, e a continuación contactase con empresas que axudan a desenvolver e orzamentar o programa. Cos orzamentos estimados na man, preséntase o proxecto a todos os servizos de normalización do país e ás entidades que se consideren necesarias –como universidades ou deputacións–, explícase a idea e distribúese o orzamento global estimado.
O prezo por socio, subliñou, é un punto delicado, dado o nivel orzamentario no que se moven os concellos. O custo final depende do número de participantes: “A máis socios, menos custo local”, sinalou. Fixada unha data límite para confirmar a participación, calcúlanse os custos definitivos. Case todos os programas distinguen entre un custo local, asumido por cada concello (por exemplo, os obradoiros que organiza no marco de Apego, Regueifate ou Joutubeiras e máis), e un gasto común en materiais e deseño gráfico (imaxe, carteis, recursos compartidos), que se reparte de maneira “solidaria”: a metade a partes iguais e a outra metade en función da poboación.
A execución complétase coa contratación de empresas de xestión e servizos, aínda que, como advertiu Cochón, “aínda así queda moitísimo traballo por facer desde os servizos de normalización, individual e colectivamente”, un labor que hai que encaixar co conxunto de tarefas doutras áreas que moitas veces tamén se lles asignan.
Na parte final da intervención, Conchi Cochón respondeu á pregunta central de por que se opta por esta vía colaborativa. Por unha banda, porque existe un obxectivo común de normalización da lingua; por outra, porque permite rendibilizar esforzos e recursos económicos e humanos, chegar a máis público con menos gasto, crear equipos plurais que comparten toma de decisións e coñecemento, e acadar unha maior difusión social dos programas. Tamén porque, como apuntou, “os concellos grandes precisan falantes e os concellos pequenos precisan recursos económicos”, e a colaboración axuda a equilibrar esa ecuación. E, sobre todo, porque “a lingua, como a poboación, non entende de lindes municipais nin de fronteiras” e necesita coordinación e planificación con liñas mestras para todo o territorio, adaptables ás realidades sociolingüísticas de cada zona.
Xunto ás vantaxes, a relatora quixo poñer o foco nas eivas deste modelo. Entre elas, o feito de que algúns concellos abandonan os programas ao quedar sen persoal que xestione os servizos, avalíe os proxectos ou os desenvolva. A precariedade dos servizos de normalización lingüística tradúcese en prazas que quedan vacantes e dificultan a continuidade das iniciativas. Noutros casos, malia contar con servizo de normalización, os concellos optan por non entrar nos proxectos porque non consideran viable a xestión compartida, xa que non poden seleccionar directamente as empresas que desenvolven o traballo ou suministran os materiais segundo os seus propios procedementos de contratación.
O reparto de gastos é outro punto conflictivo: xustificar nun expediente que un concello pague “unha quinceava parte” dun cartel común, cando o gasto público non se pode fraccionar, obriga a buscar fórmulas xurídicas complexas e converte cada paso nun quebranto administrativo. A isto súmase a sobrecarga de traballo que supón coordinar proxectos compartidos, con numerosas xuntanzas e axendas difíciles de compatibilizar, fronte á maior axilidade dos programas estritamente locais.
Cochón lembrou ademais que a normalización lingüística é unha competencia compartida entre a Xunta de Galicia e as administracións locais, tal como recolle un informe de 2018 asinado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Administración Local. “Falta que a Xunta de Galicia exerza o seu papel director no proceso de normalización lingüística e que, exercéndoo, coordine os concellos e lidere os programas de normalización da lingua”, apuntou.
Ao mesmo tempo, defendeu que o traballo colaborativo mellora os proxectos, pero reclamou profesionalizar o labor técnico e rematar coa dependencia do “voluntarismo” das persoas que traballan nos servizos de normalización. Aínda que nos últimos anos houbo un “boom de estabilización” por imperativo legal, indicou que “aínda hai moitos servizos que non teñen as condicións de traballo axeitadas”: demandou estabilidade, funcións vinculadas estritamente á normalización lingüística, niveles retributivos acordes coa titulación e a formación requiridas e cadros de persoal mellor dotados.
Como exemplo, citou o caso doutros servizos municipais como os centros de información á muller ou os servizos sociais, que contan con decretos e instrucións da Xunta que especifican organigramas, número de persoas técnicas e persoal administrativo. “Para os servizos de normalización queremos o mesmo trato, queremos o mesmo”, subliñou.
Cochón pechou advertindo das consecuencias de manter condicións laborais cativas: “As condicións laborais cativas crean fuga de talentos. A fuga de talentos orixina peche de servizos, e o peche de servizos fai que teñamos menos rede para acción directa dos concellos”. Lembrou que “demasiados” profesionais acaban optando polo ensino, e insistiu en que o ámbito educativo é esencial, pero que os proxectos locais precisan tamén dese talento. O risco, resumiu, é que “todo o traballo, todo o esforzo que facemos para desenvolver proxectos de normalización lingüística con rigor e con todo o saber que temos non sirva de nada porque van entrando e caen”. Un risco fronte ao que Alingua e a rede de proxectos colaborativos pretenden ofrecer unha resposta estable, sempre que as políticas públicas acompañen.