A Real Academia Galega (RAG) celebra o Día Europeo das Linguas cun novo galardón ás iniciativas que promovan o galego na infancia, outorgado na súa primeira edición ao CEIP Milladoiro de Malpica. Faino, indica, para destacar “o bo facer” da comunidade educativa do Colexio de Educación Infantil e Primaria Milladoiro”, que inaugura o Premio ‘Na lingua que eu falo’.
A institución sinala que puxo en marcha este certame co propósito de recoñecer persoas, proxectos, iniciativas ou experiencias que ben no ámbito escolar ou noutros espazos destaquen polo seu traballo en defensa da normalización lingüística entre a poboación infantil. A resolución da primeira edición anúnciase con motivo da celebración este venres do Día Europeo das Linguas, ocasión que a institución aproveita para pedir “un maior compromiso, desde a Unión Europea e desde Galicia, coa defensa do idioma propio”.
“Neste momento en que se está tramitando a solicitude do recoñecemento oficial do galego e demais linguas cooficiais do Estado español en Bruxelas, esta conmemoración é unha boa ocasión para reivindicar, unha vez máis, a plena oficialidade da nosa lingua en todas as institucións europeas“, sinala o presidente da RAG, Henrique Monteagudo.
Xa sobre o I Premio ‘Na lingua que eu falo’, destaca o “bo facer do profesorado“. “É tamén un premio ao conxunto da súa comunidade educativa”, sinala para recalcar a importancia de que sirva de “espello” a outros nesta materia.