Que libro che gustaría que lese a túa avoa se de nena soubese ler?

Adelaida, como moitas avoas galegas, non aprendeu a ler de cativa. No seu caso, non foi ata os 34 anos de idade cando poido entender que era o que dicían as letras coas que se podía atopar. A súa bisneta é Évora Parcero, e aínda que nunca coñeceu á súa bisavoa, o amor cara ela sempre foi incondicional, grazas ao que a súa familia contaba.

Évora Pacero é alumna de Educación Primaria no Campus de Ourense da Universidade de Vigo, e vén de publicar en internet Contos para unha nena que non sabía ler, un vídeo co que recorda á súa avoa, ao mesmo tempo que recomenda literatura infantil en galego. A partir da materia Literatura Infantil, Pacero desenvolveu este proxecto, que como describe a mestra da materia, Isabel Mociño, é un “traballo precioso, cunha carga emocional enorme e cunha forma de presentar os libros fantástica”.

A miña familia é fundamental, e sobre todo as raíces, a historia, que ao final acabamos esquecendo porque ou non se conta ou se oculta porque ao mellor non foi sempre todo bo”, explica Pacero, en relación co carácter persoal do seu traballo. A través das súas memorias, a alumna recolle un total de 12 obras en galego.

A través de recomendacións como No corazón do bosque, de Agustín Fernández Paz, O atlas da Galicia pequeniña, de César Lorenzo Gil e Jorge Campos, Soomos os monstros, de Paula Carballeira, ou Monte Pindo, de Laura Suárez, Évora Pacero une literatura e historia dunha maneira orixinal e persoal. “tiña que falar de libros, tiña que contar unha historia e que mellor historia que a historia orixinal e fundamental que foi para min a da miña bisavoa”, explica a moza. Así, imaxina cales serían as obras que lle gustarían a súa bisavoa de nena.

No vídeo, ademais de historias persoais e moita literatura infantil, os lugares tamén cobra importancia. O Monte Castelo en Cangas  foi o lugar escollido por Pacero, natural de Cangas. O contacto coa natureza que lle ofreceu este lugar é tamén unha homenaxe á súa avoa, que naceu, medrou e viviu nunha aldea rural, sendo para ela moi importante a natureza.

Podemos levar aos cativos a diferentes realidades, situacións, vivencias, que coñezan mellor o seu medio ou otro que nunca viron, que xoguen coa lingua a través da poesía ou dos trabalinguas, que gocen coas imaxes e cos debuxos, etc”, conclúe a alumna, facendo fincapé na importancia de achegar o galego aos máis cativos de diferentes maneiras.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará