Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Pokémon Galicia: unha orixinal aposta pola lingua e a cultura propias

Dous estudantes da Guarda e O Rosal serán pioneiros en traer o galego ao mundo dos videoxogos de Pokémon.

Seguramente, a meirande parte do mundo non arquea a cella cando a palabra “Pokémon” xorde na metade dunha conversa. É doado de pensar, tendo en conta que se trata da franquicia que maior cantidade de beneficios ten recaudado na súa historia, superando titáns como Marvel, Hello Kitty ou Star Wars.

Coa revolución do fenómeno das criaturas capturables tamén xurdiu unha multitude de videoxogos creados por fans, ou fangames, publicados na rede. É o caso de Pokémon Galicia, un proxecto que está a ser levado a cabo por Xoel e Alejandro, dous estudantes da Guarda e o Rosal. Como diciamos, non é o primeiro fangame que nace facendo un tributo á franquicia, pero si o é en ambientarse no territorio de Galicia e en estar escrito completamente en galego. O cal non é dicir pouco, tendo en conta esa enorme cantidade de predecesores que ten.

Percorrendo os camiños da nosa terra

Neste “Pokémon de marca galega”, o mapa do videoxogo abrangue todo o territorio galaico e asegúrase de representar os puntos máis icónicos da nosa cultura. Exploraremos lugares como as Fragas do Eume ou Cabeza de Manzaneda e visitaremos vilas e cidades de toda a rexión. O obxectivo? Completar o Camiño de Santiago, unha meta moi ao ton coa temática.

Mapa da rexión en Pokémon Galicia.

En conversa con Neofalantes.gal, Alejandro e Xoel explican que a idea de desenvolver unha versión de Pokémon baseada en Galicia xurdiu do coñecido fangame Pokémon Iberia de Eric Lostie, que toma como escenario a Península Ibérica e a chea de referencias culturais, sociais e mesmo políticas propias do territorio. Se ben o desenvolvemento do proxecto de Lostie está “suspendido indefinidamente” dende hai tempo, as versións que si chegou a publicar xa posuían un contido traducible a varias horas de xogo. Na súa versión, o protagonista comenzaba en Albacete e debía realizar un percorrido que o levaría a visitar todos os territorios da Península. Na súa homenaxe a Galicia, puidemos camiñar polas rúas dunha fermosa recreación de Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela en Pokémon Iberia.

Pola súa banda, o proxecto que Xoel e Alejandro están a desenvolver céntrase na nosa comunidade e proponse como reto o de representar o seu territorio a unha escala moito máis precisa. Xa amosaron a través da súa conta de Twitter (@PokmonGalicia) imaxes do mapa da cidade de Vigo, e nel non pasan desapercibidos unha variedade de emblemas locais tales como estadio de Balaídos, o Hospital Xeral e mesmo o mítico Dinoseto (que, a modo de guiño, ten a forma da contraparte do tiranosaurio do mundo de Pokémon).

A cidade de Vigo en Pokémon Galicia.

De feito, tamén mediante Twitter foi que revelaron os avances que realizaron noutros emprazamentos do xogo: concretamente, puidemos ver o aspecto que terán as localidades da Guarda e O Rosal, vilas autóctonas de ambos creadores.

Outro grande apartado do traballo que están a realizar Alejandro e Xoel é o dos seus deseños para as “formas rexionais” que adquirirán algúns dos pokémon no xogo. Estas variacións, que alteran o aspecto e os “tipos” dos pokémon, están baseadas na fauna e na cultura propias de Galicia. Algo que Eric Lostie tamén facía no seu Pokémon Iberia, pero mentres que por entonces tivemos que contentarnos cunha soa forma “galaica” (en pos da equidade na representación do resto das comunidades), os estudantes galegos non teñen ese impedimento e asegúranse de brindar unhas cantas máis ao repertorio . De feito, polo de agora xa teñen revelado nada menos que vinte e unha formas rexionais para as criaturas do seu xogo, inspiradas nunha variedade de temáticas que non serán alleas ás galegas e galegos.

O equipo tra-lo proxecto

Todo este traballo é posible grazas ao tempo e esforzo que Xoel e Alejandro adican ao seu proxecto. Afirman que, polo momento, son só eles dous os que participan no desenvolvemento do xogo. Sen embargo, son optimistas coa idea de poder recibir, nun futuro, a axuda de máis xente que estea interesada en colaborar man a man no proceso de creación. Por exemplo, mencionan, no relativo ao apartado sonoro. Mesmo explican que, nunha etapa máis avanzada do desenvolvemento do xogo, non descartan a posibilidade de contratar a máis xente para ocuparse dos apartados gráficos que eles non dominan en tan grande medida.

Resulta comprensible, tendo en conta as dimensións do proxecto que teñen entre mans e o feito de que deben compatibilizar o traballo nel cos seus estudos de bacharelato. Por esta mesma razón, recentemente publicaron unha mensaxe en Twitter na que anunciaban un parón temporal na súa actividade a causa do período de exames. Na entrevista tamén contan que teñen pensado habilitar algunha canle de interacción coa comunidade de usuarios que segue de preto o desenvolvemento do seu xogo, e que probablemente o fagan mediante Discord. Ambos afirman que “posiblemente a comezos de marzo haberá algunha nova sobre isto”, así que deberemos permanecer atentos.

Deles, tal e como explican, é Xoel o encargado de levar a conta de Twitter e quen se ocupa de realizar a tradución xeral do xogo. Pola outra banda, Alejandro ocúpase do emprego das ferramentas do RPGMaker e dos gráficos do Pokémon Essentials, os dous programas cos que traballan. Xuntos, colaboran en tándem para organizar os avances e desenvolver as ideas do xogo.

Segundo ambos, e tratándose do primeiro proxecto que acometen neste eido, cando comezaron en 2020 carecían de experiencia e coñecementos que lles permitisen focalizar e organizar o seu traballo dun xeito eficaz. Por iso mesmo, explican, non conservan nada do traballo que realizaron durante todo o primeiro ano, xa que rematou por ser enteiramente substituído polos novos cambios a medida que estes eran implementados.

Unha lingua con sabor propio

Pero, por suposto, o pilar sobre o que se ergue o proxecto, e o que o asenta como verdadeiramente único, é o importante papel que xogará nel a nosa lingua. E non só pola posibilidade de ser o primeiro fangame de Pokémon completamente en galego: en palabras de Xoel e Alejandro, “non sería un xogo ambientado en Galicia se as personaxes non falasen galego. E, ademáis de ser unha reivindicación do noso fermoso idioma, a propia lingua xogará unha parte importante na historia e na personalidade de máis dunha persoa”.

Por suposto, a empresa responsable dos videoxogos oficiais de Pokémon nunca amosou a intención de incluír a opción de xogar en galego algunha das súas entregas. Isto non resulta extraño no eido da industria dos videoxogos, nos que a selección de idiomas ofrecidos ao xogador adoita non incluír linguas rexionais. Mais non ten por que ser sempre así: un bo exemplo é o coñecido Minecraft, que inclúe traducións oficiais ao galego, catalán, euskera valenciano e asturiano. Para Xoel e Alejandro, a decisión das compañías de incluír unha maior variedade de linguas nos xogos é “un detalle que se agradece moito” e que podería “cambiar completamente” a experiencia que estes proporcionan. Pola súa banda, eles xa confirmaron que Pokémon Galicia contará cunha versión en galego e outra en castelán.

Para eles, está claro: “o galego non está presente na maioría dos xogos, e fan falta máis que nazan na contorna e co idioma “aprendido”. Conforme avance a industria, crecerá o volumen de obras adaptadas ao galego”. Afortunadamente, xa existen iniciativas de videoxogos made in Galicia que están sendo desenvoltas. Por exemplo, o estudo Gato Salvaje de A Coruña, que este mes publicou a versión completa de The Waylanders, a súa proposta de videoxogo de rol en galego e baseado tamén na historia e cultura autóctonas.

Ao preguntar ao equipo de Pokémon Galicia polo potencial de iniciativas como esa, responden con realismo e obxectividade: se ben consideran que “a nivel mundial non deben ter moito futuro”, son positivos en que “a nivel rexional representan unha evolución enorme na riqueza cultural galega”.

Á fin e ao cabo, a diferencia real márcase coa suma de todas elas. E, mentres sigan a xurdir propostas tan creativas e orixinais como a que traen Alejandro e Xoel con Pokémon Galicia, a nosa lingua seguerá a facerse ver e oír de cada vez máis xeitos.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.