O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este mediodía na entrega dos premios da XIII edición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas, que se celebrou no Museo do Pobo Galego. Este certame de investigación escolar sobre o patrimonio lingüístico e cultural galego é unha iniciativa da Fundación Antonio Fraguas Fraguas coa que colabora a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude por medio da Secretaría Xeral da Lingua. No acto, Valentín García referiuse á importancia de fomentar “vocacións investigadoras en galego desde o ámbito escolar”. Canda el participaron a presidenta da Fundación Antonio Fraguas Fraguas, Concha Losada; o secretario, Fuco Sangiao, e os centros premiados.
Entroido e artes de pesca
Na modalidade de ensino primario resultou gañador o proxecto ”Viva o entroido vivo! Lingua, festa e comunidade, presentado conxuntamente polos CEIP Lamas de Abade e Apóstolo Santiago de Santiago de Compostela, e Pérez Viondi da Estrada. O resultado considerou a incorporación de todos os centros escolares dos distintos niveis educativos da contorna, e o traballo desenvolvido ata agora por máis de 10 anos, así como a presenza das mulleres en actividades onde ata agora estaban infrarepresentadas como os altos, vivas e atranques. A incorporación de antroidos doutras zonas de Galicia permitirá recoller as múltiples expresións das distintas manifestacións etnográficas e culturais que representa o antroido. A presenza no proxecto do CIFP de Imaxe e Son, permitirá utilizar un tratamento innovador do entroido.
O proxecto seleccionado na modalidade de ensino secundario foi “A sustentabilidade das artes de pesca a través do proceso de encascado de redes: o caso de Burela”, presentado polo IES Monte Castelo de Burela. O xurado valorou o traballo arredor dunha actividade e oficio hoxe desaparecido e destacando a importancia de conservar a súa memoria para o coñecemento das novas xeracións. A incorporación doutras entidades sociais de Burela permitirá difundir a súa actividade en toda a vila e reforza a implicación social do proxecto na súa contorna, ao tempo que contribúe ao coñecemento e difusión da cultura do mar. Destacan en último lugar a colaboración con entidades doutros territorios de Europa onde tamén se desenvolveu esta actividade.
Un ano para desenvolver os proxectos premiados
O Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas pretende alentar entre a comunidade escolar un traballo sistemático orientado á educación patrimonial, ao coñecemento da lingua e do medio e á valorización dos máis diversos elementos do noso patrimonio cultural. Os centros educativos participantes deben redactar na lingua propia de Galicia un proxecto de pescuda e de posterior divulgación dos resultados que, de ser premiado, teñen que executar ao longo do curso seguinte coa dotación de 7000 euros do galardón e coa colaboración do Museo do Pobo Galego. Como resultado de todo o traballo, os gañadores elaboran cadansúa exposición que se mostra no mesmo museo.