Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Se xogamos ao “pai-nai-fillo” e pomos o “pisca-pisca” do coche, en que cidade galega estamos?

Este mércores, o edificio Redeiras da Universidade de Vigo acolleu a presentación do libro A fala de Vigo. Trazos diferenciais dá nosa variedade dialectal, do catedrático da mesma institución Xosé Henrique Costas, editado co apoio da área de Normalización Lingüística. O profesor vincula o nacemento do libro coa proposta da asociación “Faladoiros-Vigo” de realizar unha conferencia sobre a fala na urbe.

A pesar de que a cidade olívica é a máis ‘castellanizada’ de Galicia, Henrique apunta que aínda é posible escoitar o galego pola rúa, en buses, bares ou tendas, sespecialmente nas parroquias do rural.

Darío Xohán Cabana inicia as páxinas da publicación cun soneto a Vigo, ao que segue un prólogo de Xosé Luís Méndez Ferrín. A análise da fala comeza coa descrición dos principais trazos fonéticos e morfolóxicos do galego na cidade e coas súas características macrodiferenciales, incluídas a “gheada” e o “seseo”.

Dende ‘A cabra co visio dá cos cornos no cu’ a ‘ghichar’

Recolle refráns e frases feitas, como ‘dar en tolo’, ‘ir a Vigho por mirar Canghas’, ‘quen che dera piche pola costa de Peniche’, ‘a cabra co visio dá cos cornos no cu’, ‘quen cala fode a quen fala’ ou ‘quen de novo foi bailador de vello dálle un xeitiño’.

Así mesmo, defínense unhas 400 palabras de uso común, que non adoitan aparecer en ningún dicionario, algunhas exclusivas de Vigo e outras comúns con outras zonas do suroeste e algunhas adaptacións de castelanismos ou de palabras que son iguais en galego pero con significado distinto.

Entre os vocábulos propiamente vigueses están chiflaso, delourar, fanado, fariñoque, ghaldrumeiro, ghichar, marmanxo, marreca, pello, petouraso ou pisca-pisca. Como explicación, Henrique sinala: “En Vigo xogamos ao ‘pai-fillo-nai’ no canto da o tres en raia, dicimos peio no canto de mariola (a rayuela en castelán) e pomos o pisca-pisca do coche no canto do intermitente”.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.