Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Estudantado galego poderá obter créditos de libre configuración coa participación no Proxecto Nós

Dende o 2023, a través da financiación PERTE-Next Generation, Universidade de Santiago de Compostela e Xunta de Galicia impulsan o Proxecto Nós, no que, a través do uso da plataforma Common Voice, recollen datos de voz en galego. Este venres, en San Xerome, o reitor da USC, Antonio López, e secretario xeral de Lingüística, Valentín García, presentaron a proposta da concesión de créditos de libre configuración ao estudantado que participe tanto na recollida da súa propia voz como nas tarefas de verificación das mensaxes doutros usuarios.

Cara as 1000 horas de gravación

A recollida documental busca dotar de recursos de tecnoloxía da fala en galego co obxectivo de garantir a comunicación con máquinas ou, mediante estes soportes, con outras persoas. En canto ás cifras, o galego está entre as primeiras dez na plataforma Common Voice en canto ao número de frases recollidas, principalmente debido a este proxecto, lanzado hai un ano. No seu percorrido, conseguiu chegar a albergar arredor de 300 horas de voces. Con todo, o obxectivo da comunidade está en acadar as 1000 horas, motivo polo que conceden a acreditación.

Como conseguir as certificacións?

A persoa falante de galego debe entrar na plataforma a través de calquera dispositivo conectado á Internet (ordenador con micrófono e sistema de reprodución de son, teléfono móbil etc.), ler unha serie de frases proporcionadas e ademais escoitar e validar as frases gravadas por outras persoas. Para que o alumnado da USC poida equivaler a súa actividade cun crédito de libre configuración deberá colaborar con 25 horas de gravación de voz e de validación de fragmentos xa gravados.

O seguimento da actividade dos participantes faise a través do seu perfil de usuario/a e da clasificación que fai automaticamente a plataforma. Para a xustificación da súa contribución cara á obtención do crédito de libre configuración, o estudantado participante terá que optar por estar visible na clasificación e desta forma poderá tomar unha captura de pantalla que mostre o número de fragmentos cos que contribuíu a Common Voice, tanto gravados como validados.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.