Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Eduardo Gutiérrez, a face tras @WorldMaps.gal: “Quixen facer a conta porque a maioría están en inglés, ningunha en galego”

Dende equivalencias de extensións a unha reformulación da bandeira ―con explicación da simboloxía incluida―, o veciño mahián e estudante de MIR Eduardo González traslada Galicia ao Mundo, sen olvidar acoller este na casa, a través de infografías, mapas e cuestionarios que comparte na súa conta de Instagram. O seu é un exemplo que constata a converxencia entre xeografías, así coma entre motivacións, definíndose como “unha persoa á que lle interesa de todo un pouco“. A súa actividade na rede social comezou durante a pandemia e, a día de hoxe, o tempo non é suficiente para realizar “todas as ideas” que traza dende o seu propio mapa mental. En galego ou en inglés, a curiosidade que esperta ―e alimenta― é incartografiable.

Que che levou a querer crear a conta @WorldMaps.gal e cal é a motivación principal?

Agora estou preparando o MIR. Son unha persoa á que lle interesa de todo un pouco. Así que a conta naceu un pouco por ter un espazo onde compartir curiosidades que me chaman a atención sobre Galicia e outros lugares do mundo, principalmente en relación á xeografía, linguas, historia e outras culturas.

Cando iniciaches o proxecto?

En pandemia, cando toda a xente tiña tempo. Non a iniciei cunha idea clara de gañar seguidores nin nada polo estilo, senón que me apetecía aprender a facer mapas e aproveitei para crear a conta. Así tiña un sitio onde poñelos e ao que tivese acceso aquel ao que lle interesase, que rematou sendo moita máis xente da que esperaba. Durante o primeiro ano e medio tiña moito máis tempo para adicarlle á conta pero despois realicei un Erasmus, logo o sprint final da carreira e agora co MIR. Encantaríame poder adicarlle moito máis tempo e teño moitas ideas pero non sempre teño tempo para elas, especialmente as publicacións do feed.

Da idea á publicación, como é o proceso?

Non che son moi organizadiño. Vou tendo diferentes ideas na cabeza e teño un planning mental do que quero subir nos próximos meses pero se despois, de repente, descubro algunha curiosidade ou se me ocorre un novo quizz, compártoo inmediatamente nas historias. Emprego só Instagram, xa que, polo menos polo dagora, non me da o tempo para máis.

Canta curiosidade esperta o teu contido?

Á xente interésanlle moito os datos curiosos sobre xeografía e outras linguas. Non teño moitísimos seguidores pero é unha pequena comunidade moi bonita e moi entusiasta co que comparto. Nos quizzes hai moita participación, será que á xente lle gusta ser competitiva. Ademais, aprendo moito deles cando me comentan curiosidades. Na miña comunidade hai persoas do Brasil e Portugal ás que lles interesa o contido relacionado coa nosa cultura. Tamén de moitos lugares de España e de todo o Mundo.

Cal cres que é a chave das túas publicacións que fideliza curiosos pola xeografía e cultura galegas?

Aínda que o que se ve de primeiras son os mapas, realmente o que máis fago está nas historias. Realizo moitos quizzes sobre distintos temas e comento curiosidades. E está moi guai porque a través dese formato créase moita comunidade. Noto que á xente lle gusta moito esa parte e eu desfruto moito facéndoo.

E, como creador, tes a túa propia comunidade entre divulgadores de mapas?

Hai unha gran comunidade que crea contido similar. Teño colaborado con algúns deles pero non é algo que habitúe facer. De feito, pensei que era interesante facer a conta porque a maioría están en inglés e non había ningunha que fose en galego. Uns meses máis tarde si que un amigo meu, de toda a vida, empezou unha conta sobre xeografía e en galego, @curiosidadesxeograficas , e fixemos algunhas colaboracións xuntos.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.