O Pazo da Cultura de Pontevedra volve acoller a Feira das Culturas Galegas, como definen: “un espello da pluralidade da cultura galega”. Dende o 29 de novembro ao 1 de decembro, público e artistas galegos poderán converxer neste punto da provincia pontevedresa dotado de exposicións, postos de venda e escenarios, sobre os que terán lugar diversas actuacións, obradoiros e mesas redondas. As entradas por día, así como os abonos, están ofertados vía rede.
Nin máis nin menos que Os Bolechas son os que realizan o acto de apertura o vindeiro venres, a partir das 11:00 horas da mañá. A familia enteira paseará polo recinto, con todo espazo preparado. Durante a xornada, alumnado das diferentes universidades vencellado ao mundo das artes, diferentes tecidos asociativos asemade vinculados e institucións como a Mesa para a Normalización Lingüística estarán promocionando o galego en todas as súas formas de expresión.
Na xornada, do mesmo xeito, serán realizadas diferentes mesas e faladoiros neste Pazo a rebosar de cultura, sobre poesía e abordando a figura de Ferrín, a cargo das editoriais Galaxia e Xerais. O sábado pon fin coa “Sesión Bravú”, na que será proxectado o documentál de Nós Televisión BRAVÚ XXX. O resto do programa atópase publicado no seu sitio web.
Cultura “polo baixiño”
🎧 Unha experiencia pioneira en Galicia!
👉 Culturgal estreará “as actividades silenciosas” que o público poderá seguir con cascos inalámbricos.
✅ “É unha novidade técnica para darlle máis intimidade aos que están escoitando e mellorar a súa participación”, explica Camilo Franco pic.twitter.com/RuxhvnECpZ— Culturgal (@culturgal) November 21, 2024
A través das súas redes sociais, anuncian esta innovación de metodoloxía expositiva: “actividades silenciosas”. Intimidade, mais non silencio, para desfrutar ao completo da cultura da terra.