Este 27 e 28 de novembro, o Instituto da Lingua Galega, contando coa colaboración do Consello da Cultura Galega e o Ministerio de Cultura, organiza na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela o simposio “Cultura Impresa: materialidades, paradigmas e retos epistémicos”. A liña de traballo, que contempla os riscos da difusión cultural a través do papel no marco da sociedade dixitalizada, vén sendo estudada dende o 2022 por un equipo de investigación vinculado á institución.
A imprenta, nas diferentes sesións programadas para ambas xornadas, será ollada dende a perspectiva sociolóxica e de formato, así como serán analizadas as posibles traxectorias a percorrer por esta. As persoas interesadas en acudir poden realizar a inscrición antes do vindeiro luns, 25 de novembro.
Na presentación do simposio, apuntan aos “camiños por explorar” pendentes no eido das publicacións efémeras ou híbridas. Así, concretan a esperanza na creación de pontes entre os diferentes formatos como unha posibilidade de mantemento da vida en papel. Artes visuais, estudos culturais e historia social poden converxer.