O alumnado do Camballón presentará o vindeiro 22 de febreiro o documental “Neofalantes”, no que participaron alumnado e profesorado do centro de ensino. Pertence ao Proxecto Matrix, que procura animar a falar galego ao alumnado non galego-falante inicial e reflexionar sobre os distintos tipos de falantes. Ademais, esta iniciativa enmárcase dentro da campaña “Aquí tamén se fala”, impulsada polo IES Rafael Dieste da Coruña, e na que participan máis de 150 centros de ensino e cuxo obxectivo é que sexa o propio alumnado quen participe na dinamización da lingua galega, contra os estereotipos e prexuízos lingüísticos.
O traballo de 21 alumnos que cursan en 3º de ESO foi fundamental para poder crear este vídeo. A aula convertiuse nun estudo de guionistas, técnicos, produtoras, editores de vídeo ou xornalistas que traballaron para un proxecto que busca visibilizar as persoas que, como o personaxe Neo do filme Matrix, elixiron a pílula vermella da lingua para aprender e comezar a falar galego na súa vida diaria.
Como explican desde o Clube da Lingua: “No IES Marco do Camballón a maioría do alumnado fala galego e isto é moi positivo para a xente que chega de fóra xa que grazas á lingua intégranse moito mellor. A lingua axuda a que alguén que chega se sinta como un máis entre nós. O galego é a lingua maioritaria no recreo, na cafetaría ou nas aulas e facilita a integración.”
Para poder levar a cabo o audiovisual precisouse facer unha busca de neofalantes no centro entre alumnado e profesorado. Os lugares de procedencia son moi variados: Marrocos, Inglaterra, Venezuela, China, Andalucía, Asturias, Romanía… Tamén aparecen neofalantes que viviron en Galiza toda a vida, como varias profesoras que, nun momento dado, comezaron a falar galego. Por exemplo, unha delas explica que fala galego sempre desde que foi nai para transmitir a lingua á súa filla. As persoas neofalantes explican no audiovisual algunhas das súas emocións e ideas sobre a lingua galega.
Segundo o Clube da Lingua: “Cremos que este documentario é moi interesante para mostrar como se senten estas persoas e a súa relación coa lingua. “Quero sentirme parte de vós”, “Grazas por falarme en galego” ou “Nacín en China e falo chinés, vivín en Italia e aprendín italiano e agora vivo en Galicia e quero aprender galego” son algunhas das ideas que aparecen no vídeo. A intención é animar o alumnado recén chegado a ap