Reflexionar e debater sobre o papel das e dos axentes literarios na difusión exterior do libro infantoxuvenil galego. Con este obxectivo a Facultade de Filoloxía e Tradución acolleu este mércores, en modalidade presencial e virtual, a Xornada Profesional Desfacendo a raia VII, un encontro organizado pola Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, Gálix, coa colaboración do grupo de investigación BiFeGa-Bitraga da Universidade de Vigo. Baixo o lema Desfacendo a raia VII o debate centrouse nesta ocasión na análise da actuación dos axentes literarios, profesionais que se encargan, entre outras moitas tarefas, de presentar as obras ás editoriais, “un mediador máis na cadea do libro”. Entre outras participantes a xornada contou coa participación da escritora Ledicia Costas e a súa axente Hilde Gersen.
Para inaugurar o encontro contouse coa intervención en liña do presidente de Gálix, Xosé Antonio Perozo –convalecente tras ter sufrido un accidente de tráfico-, que fixo fincapé en que nesta ocasión se elixiu como temática central a difusión exterior do libro infanto xuvenil galego, unha cuestión “de suma importancia nestes momentos, dado que non é fácil romper fronteiras desde unha lingua minoritaria”, recalcou Perozo, facendo así fincapé nas dificultades que atopa a literatura galega, catalá ou vasca para ser traducida a outras linguas, tanto si se trata de obras infantís como para adultos. “Grazas ao papel que están a levar a cabo editoriais como Kalandraka rompeuse un pouco esa fronteira, pero segue a ser difícil editar noutras linguas dende a propia Galicia”, recalcou o responsable de Gálix, ao que engadiu que sería importante “rachar con esa fronteira” e conseguir que os editores españois traduzan libros galegos e que o fagan, sobre todo, facendo edicións simultáneas en varios idiomas, sobre todo español e portugués, “as dúas linguas coas que temos que abrir máis canles”.
Presentado pola profesora Ana Luna, investigadora do grupo de investigación BiFeGa-Bitraga, Perozo reclamou na apertura das xornadas “moito máis apoio”, apoio que, desde o seu punto de vista, debe traducirse en máis presenza nas feiras internacionais, de maneira que se facilite que os intermediarios se fixen máis na literatura infantil e xuvenil galega, unha literatura que brilla con luz propia e que, a día de hoxe, conta con autores de moi elevada calidade. “Estamos diante dunha encrucillada moi importante, nun momento no que hai que abordar esta cuestión con forza e concienciar non só ás nosas autoridades senón ás autoridades do Estado español de todas estas cuestións”, recalcou Perozo.
Ledicia Costas e a “heroicidade” de escribir en galego
Nas xornadas, que se prolongaron ao longo de toda a mañá, contouse coa participación da escritora Ledicia Costas e a súa axente, Hilde Gersen, que, “por primeira vez” logo de anos de traballo conxunto a través do teléfono e o correo electrónico, tiveron nestas xornadas a oportunidade de coñecerse en persoa e manter unha pequena conversa sobre os seus respectivos traballos. “Para min Hilde, e isto é algo no que coincido con moitos outros autores, é o meu anxo da garda”, salientou Ledicia Costas, un dos nomes máis representivos da LIX galega, gañadora de numerosos premios e cuxas obras teñen sido traducidas a innumerables idiomas, quen deixou claro que, desde os inicios da súa carreira, cando apenas era unha adolescente, sempre tivo claro que quería publicar no estranxeiro sen renunciar nunca ao seu idioma, o galego. Toda unha “heroicidade” para a que estaba segura tiña que rodearse dos mellores e aí foi onde chegou Hilde, da axencia literaria Antonia Kerrigan, un dos principais nomes do sector tanto a nivel nacional como internacional. “O papel do axente é moito de negociar, de cara a lograr sempre máxima visibilidade”, subliñou Gersen, ao tempo que resaltou a importancia de que relación autor-axente se basee sempre na confianza.
Afondando na cadea do libro
O programa incluíu ademais a intervención dunha experta en dereitos de autoría intelectual como Ania González –avogada, crítica de arte e investigadora cultural- e unha editora e tradutora como Laura Sáez, responsable da editorial independente Patasdepeixe, habitual de feiras internacionais do libro como Frankfurt ou Boloña en calidade de observadora, atenta a incorporar novos títulos ao patrimonio cultural en galego e a promocionar os propios no exterior. Do mesmo modo, contouse tamén coa presenza da subdirectora xeral de Bibliotecas e do Libro da Xunta de Galicia, Cristina Rubal, que afondou nas diferentes liñas de axudas autonómicas á difusión da LIX galega.
Todas e todos estes profesionais tiveron nesta xornada a oportunidade de debater sobre o concepto de mediación cultural, informarse sobre as principais novidades relativas á mediación e difusión exterior deste tipo de literatura, así como, coñecer con máis detalle a actuación dos axentes nas feiras internacionais do libro, tendo en conta que na Frankfrurter Buchmesse 2021, que se celebrará do 20 ao 24 deste mes, España será país convidado de honra. Entre outras temáticas afondouse en como a persoa que actúa como axente normalmente coñece moito mellor que o/a autor/a as reviravoltas do sector e sabe seleccionar os tempos e a editorial axeitada para cada obra. Tamén exerce en certo modo como asesor administrativo, pode revisar contratos e defender as diferentes autorías en caso de litixio.
1 Comenta
Osma Antonio Castro Pérez
Encantoume a informacion sobre que hai detras dun axente literario.
Eu teño feira unha obra literaria escrita en galego aínda sen editar.
Gustaríame contactar cunha axente editorial da Galicia para poder amosar a miña obra.
Teño escrito un poemario sobre a emigración galega a América con cento cincuenta poemas en lingua galega e alguns libros máis tamén escritos na nosa lingua.
Vivo na Arxentina na cidade de Bos Aires e comparto os meus escritos na Internet, gustaríame poder dar a coñecer nun libro imprentado nunha editorial galega a minha obra literaria.