Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Unha oportunidade histórica para o galego

Aínda que non o pareza, estes son tempos bos para o galego. Si, as enquisas, os sondaxes e todas as ferramentas estadísticas dinnos que a situación é preocupante, algúns din que é grave e aínda desesperada, e outros que a apocalipse está máis perta agora ca no franquismo.

Pero non, non é para tanto. Ou, mellor dito, pode non selo se mudamos os nosos puntos de referencia e temos en conta a realidade pola que pasa o castelán, porque tamén o castelán está en crise, aínda que non o semelle. As enquisas fan referencia ao galego en relación ao castelán, pero non teñen en conta a percepción dos castelanfalantes con respecto a eles mesmos e á súa lingua. Ou sexa, o problema da situación do galego precisa dunha ollada con outra perspectiva máis ampla.

A Galiza vive instalada na diglosia dende fai séculos, onde o castelán representa a lingua de prestixio. Pero ese prestixio xa non representa o que foi, incluso cando hoxe a percepción que se ten na Galiza, máis ben por inercia, aínda sexa de que o castelán se mantén no mesmo nivel que fai unhas décadas e aínda séculos. Con todo, as cousas mudaron moito no mundo castelán tanto dentro coma fóra da península.

No mundo hispanofalante americano o número groso de falantes de variedades xa criollizadas (español mexicano, español caribeño, andino, rioplantense, etc.) supera por moito ao número de falantes de castelán, e o papel «canónico» e referencial deste póñese en duda dende fai tempo. De feito, non só é moi posíbel que as variedades americanas evolucionen ata seren linguas distintas, senón que xa van nesta dirección.

Na península, a realidade nesta década é que o castelán nos territorios monolingües  xa cedeu boa parte do seu predicamento ante a lingua franca de prestixio internacional: o inglés. Por exemplo, dos aproximadamente 3200 centros educativos da Comunidade de Madrid, uns 800 son bilingües segundo o programa oficial sostido con fondos públicos. É un modelo fundamentalmente subtractivo, no que o castelán cede fronte ao inglés. Por non falar dos colexios privados e das ducias de escolas infantís e garderías, tamén privadas, con modelos de mergullo lingüístico total.

A diglosia castelán-inglés aparece consagrada nalgunhas leis dende hai unha década, por exemplo, nesta que rexe os programas bilingües de Madrid, e que na súa motivación di: «El dominio de este idioma [inglés] es una herramienta imprescindible para que nuestros alumnos alcancen, […], una formación que les permita competir en el ámbito laboral en las mejores condiciones y lograr un excelente futuro personal y profesional» (Orden 5958/2010 BOCAM 7 de diciembre). O inglés é, segundo o lexislador, «imprescindíbel» para o «futuro persoal». Non é un instrumento cultural ou un medio para coñecer outras culturas. Non, o inglés estúdase porque será bó no contexto da promoción persoal, é dicir, para o crecemento da persoa e a mellora do status social. Acaso non é este un argumento con respecto ao castelán moi familiar para milleiros de galegos dende fai décadas? Non foron estes os argumentos dos indianos cando impuxeron o castelán nas escolas que eles financiaran para que os nenos, ao medraren, emigraran aos territorios hispanos?

En consecuencia, non é unha sorpresa que os habitantes dos barrios «xentrificados» de Madrid eduquen as súas crianzas en inglés coa esperanza de obteren mañá un posto de traballo de prestixio e gañaren consideración social. O castelán por se mesmo non engade valor competitivo na busca de traballo, senón o inglés. E o mesmo aplícase ás publicacións académicas e profesionais, onde o castelán ten valor limitado.

Xa que logo, os galegos non temos razóns para ollarmos o castelán coma a única lingua franca que abre portas alén as nosas fronteiras (por non falar da achega dos galegos ao portugués, que é e debe ser o noso espazo natural de desenvolvemento), xa que fronte o inglés, galego e castelán están case ao mesmo nivel aos efectos prácticos do que pode significar a realidade cotiá dun galego. Pero dun galego consciente de vivir na Europa do século XXI, onde hai linguas e países do mesmo peso lingüístico e de igual ou aínda menor extensión cá Galiza que teñen outra lingua internacional para moverse por unha Europa multilingüe.

Neste contexto, poderiamos imaxinar un exemplo do que estamos a falar. Por unha banda, imaxinemos unha rapaza galega e galegofalante que, após a súa escolarización, fala tamén castelán e ademais, grazas á escola e ao seu interese persoal, tamén fala inglés de nivel máis ben alto. Por outra banda, imaxinemos a outra rapaza da mesma condición social, galega pero castelanfalante, que fala o galego aprendido na escola, pero que non fala inglés porque non se lle dá ben. Cal das dúas rapazas tería máis posibilidades de ser contratada por unha empresa establecida na Galiza con planes para se expandir en mercados estranxeiros? Cal delas podería ter unha carreira académica con máis proxección? Cal delas, entón, tería un «mellor» currículo, potencialmente falando?

Se a súa resposta tende a converxer coa primeira das candidatas, é que vostede ten aceptado xa que o papel social do galego é igual co do castelán, e que o valor engadido do perfil da primeira rapaza non ven determinado polo castelán, senón polo inglés e a súa capacidade de aprender linguas.

O galego, o portugués, o castelán, ou calquera outra lingua europea teñen o mesmo reto de adaptar e xestionar o número crecente de anglicismos que recibimos todos os días, sobre todo a través da tecnoloxía. É a lingua inglesa a que supón un desafío para a sociedade galega, se os galegos quer traballar nos mercados internacionais. O coñecemento do castelán favorécenos á hora de comunicarmos con outros países que usen variedades do español, pero para nós ese feito xa non supón a mesma garantía de progreso persoal e social que gozou no pasado. Ninguén (ou moi poucos) pensa en emigrar á Arxentina ou México, senón aos países onde se fan os Erasmus e onde se pode traballar con perspectivas de futuro. Pensar aínda que o castelán ten o mesmo prestixio que onte é conservar o complexo social de emigrante do século dezanove tan presente na vida galega e que tanto a frea. Nós somos parte dunha Europa multilingüe onde a pertenza a un só grupo lingüístico é xa unha rareza.

O peso do castelán é moi forte, aínda que só sexa pola poboación que o fala e o apoio institucional e financeiro que teñen os organismos que o sosteñen. Iso non se pode nin se debe negar. Pero como a diglosia ten unha boa parte de subxectividade, de crenza asumida que non se controverte, é preciso ás veces ollar a realidade dende outros puntos de vista para ter unha visión global do problema. Non todo está perdido para o futuro do galego. O mesmo que as linguas evolucionan, tamén o fan as circunstancias históricas nas que se moven. Non podemos soster os mesmos argumentos que tiñamos vinte ou trinta ou sesenta anos atrás, porque aquel mundo xa non existe.

Tanto a integración europea, como a oficialidade da lingua, como a evolución das variedades do español, como o traballo remoto e as redes sociais, fan a supervivencia do galego máis doada que no pasado, aínda que esta afirmación soe a primeira vista anti-intuitiva. Pero como a diglosia, sexa do galego con respecto ao castelán, como deste con respecto ao inglés, depende máis da actitude dos falantes que doutros factores, é posíbel albiscar un momento que pode ser de transición para un novo desenvolvemento do galego. Só temos que ser conscientes de que ese momento pode ser agora e compre aproveitalo.

 

Carlos Segade. profesor e neofalante

Carlos Segade Alonso é profesor de lingüística e estudos culturais nunha universidade privada de Madrid e neofalante

 

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.