Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Aí veñen para quedar

Xiana Lastra, cantante do grupo A banda da Loba, deseñadora e produtora en Seispés Producións Creativas e Presidenta de Músicas ao Vivo

Cando era nena, no Ferrol no que me criei, había xente que lle dicía a miña nai o bonitas que eramos miña irmá e mais eu, e a mágoa que daba que falásemos galego. Andando un pouco os anos, os comentarios máis recorrentes cando tentabamos facer amizades eran do tipo “¿Y tú por qué hablas gallego? ¿Eres de la jaila? ¿Eres de Lugo?” (isto último da localización xeográfica tan específica, como se en Lugo estivese o único e xenuíno rural galego, nunca o entendín, pero prométovos que o dicían tal cal). Máis adiante aínda, cando me incorporei á vida laboral como xornalista na televisión, en múltiples ocasións persoas que entrevistei pedíronme que, “por educación”, non lles formulase as preguntas en galego. E máis dunha vez houbo quen me espetou directamente que era unha mágoa que cantase e falase en galego co guapiña que era e o ben que o facía. Estas son só algunhas anécdotas e é certo que moitas das persoas que nun primeiro momento se meteron comigo remataron entendendo e respectando a miña postura. Así como certo é tamén que topei no camiño con moitas actitudes positivas e mostras de afecto polo “radical” de que unha rapaza sobreviva nas urbes galegas sendo monolingüe en galego. Calquera que sexa ou tentase ser galegofalante no noso país sabe a complicación do asunto e todo o que leva, sobre todo, a determinadas idades nas que estás formando a túa personalidade e es susceptible de cambiar de lingua ante os constantes ataques.

Eu tiven a sorte de criarme nun ambiente familiar que soubo arroupar e afianzar a miña ideoloxía e a convicción de falar en galego, mais non todas as persoas viven nun contexto no que se valorice a nosa lingua. Por esta razón é tan importante que a xente nova teña referentes galegofalantes e, tamén por esta razón, hai tantos e tantas artistas na nosa terra que deciden, conscientemente, desenvolver a súa música, o seu cine, a súa escrita… en galego; sabendo, tamén reflexivamente, que o éxito entendido como tal na súa carreira será moito máis complicado de acadar escollendo esta opción.

Centrándonos no eido musical por razóns obvias, un recente estudo publicado polo proxecto “Ao son da nosa música” puxo de manifesto que a xente moza non escoita (nin coñece) practicamente música en galego. Non é de estrañar cando en Galicia non contamos cunha industria musical que propicie a creación de oportunidades e de público nin cuns medios de comunicación que leven a música que se fai no país ós fogares dos galegos e das galegas para que poidan coñecela. E non nos metamos a falar das oportunidades de exportación da nosa música fóra das fronteiras galegas se non é dentro do circuíto de músicas de raíz, porque iso dá para outro artigo completo.

Mini, Mero, María Manuela ou Miro Casabella xa o tiveron claro no seu momento, nun contexto histórico tan diferente coma semellante ao actual en moitos aspectos. Hoxe, artistas como Guadi Galego, Sés, Pauliña, MJ Pérez, Brais Morán, A banda da Loba e moitísimas máis seguimos no camiño de poñer o noso gran de area para a normalización e a conciencia lingüística. E se xa Sabela en OT plantou a semente en prime time ao ritmo de Marful levando o galego e a nosa música a escenarios case nunca transitados, o fenómeno Tanxugueiras está arrasando con todas as barreiras coñecidas ata o momento. En galego a Eurovisión? Sería un feito histórico. E se non que llo digan a Serrat. Mais aínda que iso non aconteza, o lume xa prendeu e significa un antes e un despois: milleiros de seguidores/as e de reproducións en plataformas dixitais para a música de tres mulleres que beben da nosa cultura popular e que, coa valentía e o compromiso que as caracteriza, dixeron o que tiñan que dicir onde o tiñan que dicir: NON HAI FRONTEIRAS para as linguas, mostra da riqueza dun territorio que merecen ser valoradas, escoitadas e respectadas. E xaora, por suposto, agora si, o goberno está fachendoso de que un grupo galego chegue a onde nunca nos axudaron a chegar.

Gústeche máis ou menos a súa música, unha cousa está clara, Tanxugueiras está a facer pola nosa lingua o que outras persoas non souberon, ou non quixeron, facer en décadas.

Miña irmá e mais eu eramos “las que hablan gallego” en Caranza, algo que me define como persoa aínda a día de hoxe. Elas son iso mesmo ao cubo. Unha illa no deserto que o cambia todo.

 

1 Comenta

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.