Críticas polas subvencións para a adquisición de libros das bibliotecas

O 50% do importe da subvención que reciben as bibliotecas de entidades locais debe estar destinado á adquisición de fondo bibliográfico editado en castelán. Este é o dato co que A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia a discriminación e “ataque ao galego”.

Dende a Mesa denuncian que a convocatoria das subvencións da Xunta de Galicia para a adquisición de novidades editoriais e para a mellora das coleccións das bibliotecas “prexudica gravemente a lingua, en favor da española”. Faino a través dese mínimo dun 50% para a adquisición de obras en lingua castelá, mentres que para a lingua da Comunidade non existe un mínimo obrigatorio.

“O 50% restante pode destinarse á adquisición de fondo bibliográfico tanto en galego como en castelán”, aínda que “desta parte pode adicarse ata un 10 % a adquirir fondos editados en linguas estranxeiras ou noutras linguas oficiais do Estado”, sinalan dende a Mesa.

Comparan estes requisitos cos existentes ata o 2021, cando polo menos un 25% dos libros mercados a través destes fo ndos deberían ser en galego. Agora, a nova regulación, como explican dende A Mesa, permite que ningunha das obras sexa en galego. Pola contra, recordan como a convocatoria destas axudas deben defender e promocionar os valores da cultura galega.

“Non vai ser o único campo no que a nosa lingua se vexa gravemente prexudicada perante a española no reparto de fondos europeos, xa que a Xunta de Galicia se recoñece incapaz de defender os intereses da súa cidadanía dentro e fóra do noso territorio”, critica o presidente da Mesa, Marcos Maceira. “A peaxe que ten que pagar a sociedade galega pola chegada dos fondos europeos é a cesión ao castelán dos espazos de protección que tiña”, engade.

Dende a Mesa explican a existencia dun Programa A, que este ano destina 200.000 euros ás “novidades editoriais en galego”, mentres que o Programa B, dotado de 550.000, diríxise á mellora das coleccións bibliográficas”, un programa que consideran “discrimina” a nosa lingua, a pesar de aumentar a contía do Programa A. Máis información en Galicia Confidencial.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará