Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Belén Puime: “Tiña medo a quedar mal ou que parecera que non falaba o idioma”

Foi no 2020 cando a coruñesa Belén Puime, que vén de estrear a súa webserie Pringadas, comezou a mudar o castelán polo galego, non sen telo intentado antes.

Puime medrou nun ambiente no que predominaba o castelán: familia, amizades e escola, sendo o galego pouco habitual. A súa infancia recórdaa en castelán, mais foi a etapa universitaria a que lle fixo comezar a cuestionar o idioma que falaba. Santiago converteuse no lugar no que intentar mudar a súa lingua, unha cidade na que lle resultaba máis doado falala e onde se rodeaba de máis galegofalantes. on respecto á súa cidade natal, A Coruña, di que a pesar de estar en Galicia “sentía que era a única que estaba a falar galego e era raro, tiña a presión a cambiar. En Santiago non me pasa”.

Aínda así, foi fóra de Galicia onde se decatou da importancia do galego. “Cando saes da casa é cando te das conta do que tes”, explica Puime. No seu caso, foi a súa etapa en Barcelona o que lle fixo cambiar definitivamente. O círculo que creou nesta cidade falaba na súa meirande parte catalán, o que a impulsou a aprender esta lingua, pero tamén decatarse da importancia de ter unha propia.

As amizades tamén foron un gran apoio, pois que a súa mellor amiga tamén cambiase ao galego foi un exemplo e impulso para facelo ela e converterse xuntas en galegofalantes.

Agora, Belén Puime estrea unha webserie ambientada en Compostela, unha obra que ela só podía concibir en galego e que, dalgunha maneira, “é un guiño ao lugar co que conectei co galego”, como explica. “Parecíame absurdo non usar o galego, sobre todo á hora de publicitala”, engade.

Porén, admite que as inseguridades e o medo a quedar mal ou a non falar ben o idioma sempre estiveron presentes. “Tiña medo a quedar mal ou que parecera que non falaba o idioma. Fun criticada polo tema dos pronomes, pero é un proceso, tes erros como cando empezas a falar calquera lingua”. A través da súa experiencia, anima ás persoas que queiran dar o paso a consumir cultura en galego, pero, sobre todo, a non ter medo a cometer erros.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.