Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

A USC aposta polo galego cun novo regulamento

O Consello de Goberno aprobou un novo Regulamento de Usos Lingüísticos da USC que pretende asegurar o status de lingua propia do galego; garantir os dereitos lingüísticos de toda a comunidade universitaria e da cidadanía en xeral; e contribuír ao uso do galego en certos ámbitos en que carece dunha presenza equilibrada e á proxección internacional da institución compostelá. Esta foi unha das cuestións tratadas na xuntanza do Consello de Goberno que este venres 28 desenvolveuse na Vicerreitoría de Organización Académica e do Campus de Lugo, recuperando así a práctica seguida antes da pandemia de celebrar unha sesión ao ano no campus lucense.

Dende 1993, data de aprobación do anterior regulamento nesta materia, as circunstancias mudaron, especialmente, da man das novas tecnoloxías, da aparición de contextos multilingües e da internacionalización, que entraron transversalmente e a fondo en todas as estruturas universitarias, creando novos espazos de comunicación e novas necesidades que o texto precedente non consideraba. O regulamento aprobado afondará no papel dinamizador no uso do galego que a USC, como institución pública, debe desenvolver.

Deste xeito, o documento aborda o uso da lingua en relación coa imaxe institucional e corporativa, os usos lingüísticos institucionais, académicos, internos, na administración, nas relacións coa cidadanía, nas comunicacións con outras institucións e entidades, ou nas publicacións e publicidade, entre outros ámbitos.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.