Sabes que 40.000 persoas falan galego en Asturias?… Queres saber como é alí o idioma?

800 páxinas, máis de 32.000 entradas, 50.000 significados. Así é o Dicionario do Galego de Asturias, obra magna de Carlos Xesús Varela Aenlle, xeógrafo de formación, doutor en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo e académico correspondente da Real Academia Galega para o Eo-Navia. Editado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, a obra naceu da necesidade imperiosa de recoller a riqueza léxica da área lingüística dialectal da comarca do Eo-Navia, formada por 19 concellos do occidente de Asturias. Presentouse este mércores nun acto celebrado no salón de graos da Facultade de Filoloxía e Tradución, un acto no que o autor estivo acompañado polo director do Servizo de Publicacións da UVigo, Jorge Luis Bueno, para quen este foi un proxecto “especialmente ilusionante” e o catedrático de Filoloxía Galega Xosé Henrique Costas.

“Obra colosal, moi necearia e moi valente”

Esta é a primeira vez que se elabora un Dicionario do Galego de Asturias, un traballo no se reflicte o resultado de máis de 20 anos de investigación, 20 anos nos que o seu autor “pateou aldea por aldea, gravando, anotando, baleirando todo todo todo o que foi escrito en galego nesa zona, dende diarios persoais, ata folletos de festas, poemarios, libros de contos, revistas, xornais e mesmo algúns glosarios chegados de emigrantes eonaviegos de puntos tan distantes como Arxentina”, explicou o profesor Xosé Henrique Costas, quen tamén lembrou a importancia da descuberta realizada por Varela Aenlle no soto da Real Academia Española en Madrid: un dicionario do filólogo Dámaso Alonso da década de 1940, 7000 fichas depositadas en caixas de zapatos que el mesmo foi baleirando unha a unha, cada unha cos seus debuxos e anotacións, todo un tesouro que lle deu os folgos precisos para seguir adiante co proxecto. “Chamándolle ás cousas polo seu nome é unha obra colosal, moi necesaria e moi valente”, recalcou Costas, quen afondou na súa intervención na situación actual do galego en Asturias, “unha lingua dobremente negada pola oficialidade”.

Todo este traballo fíxose, tal e como salientou o autor, “como contribución á necesidade da existencia dun Dicionario Dialectolóxico do Galego en todos os territorios onde se fala, e á defensa dunha lingua tan propia de Asturias, como é o galego, xunto ao asturiano, e tan discriminada”. Foi unha tarefa non carente de múltiples dificultades, entre elas, “a falta de financiamento, de apoio por parte da RAG en varias ocasións –non en todos os mandatos-, así como doutros organismos dedicados á lingua, receos…”, eivas que o autor foi suplindo coa “colaboración de moita xente de a pé, a maioría dela anónima”.

Presentación do Diccionario do galego de Asturias na Facultade de Filoloxía da Universidade de Vigo / Duvi

40.000 persoas falan en galego no Eo-Navia

Entre os ríos Eo e Navia 40.000 persoas usan habitualmente algunha das tres variedades galegas orientais que alí se empregan. “É un galego negado, non recoñecido no Estatuto Asturiano, un galego asoballado pola Academia de la Llingua Asturiana, que o considera irracionalmente un dialecto do asturiano e un galego que resiste nunhas condicións de dobre asimilación. Pero é galego”, explicou o catedrático de Filoloxía Galega Xosé Henrique Costas, ao que engadiu que o dicionario “ofrece solucións terminolóxicas excelentes ao galego común, pode encher lagoas léxicas do galego e, sobre todo, pode contribuír grandemente á lexicografía enxebre do galego”. Os exemplos poderían ser múltiples, entre eles mencionou casos como “levar en pampaneira” = “llevar en volandas!: “botar un derrumbio” = “jugar una pachanga”, etc.

Ata o de agora ninguén quixera publicar este traballo, nin en Galicia nin tampouco en Asturias”, tal e como salientou na presentación Jorge Luis Bueno, asturiano de nacemento e con familia materna da Fonsagrada e de Grandas de Salime,  quen recoñeceu que cando lle chegou a proposta ao servizo da man do profesor Costas non dubidou que se trataba dun “traballo lexicográfico inxente” que non podía quedar só nun arquivo dixital. Apostaron pola edición en papel “como se facía outrora dende a academia”. Para Bueno, Varela Aenlle deixa constancia no dicionario  “da riqueza dunha lingua galega que  ficou da outra beira da raia  administrativa, unha lingua que non recibe ningún ou case ningún apoio de case ningures”, pero que segue aí porque “as linguas non entenden de fronteiras e móvense cos seus falantes dun xeito transfronteirizo”.

A recollida segue aberta

Co vocabulario dividido por parroquias e concellos, cada entrada do dicionario aparece explicada en detalle, “case de xeito enciclopédico”.  Recóllense tamén infinidade de refráns, “moitos deles hoxe considerados machistas, pero que quería que aparecesen”, salientou o autor, quen fixo fincapé en que aparecen, “como non podía ser doutra maneira”, numerosos termos sexuais, “difíciles de conseguir pero que hai que pór porque é evidente que forman parte de nós” e outros relacionados co estado de ánimo, “algo que non sempre é doado describir”.O proceso de recollida segue aberto e o autor pensa xa en futuras edicións de ebook ou electrónicas, “algo fundamental para poder difundilo”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará