Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Míriam Ferradáns, editora do poemario póstumo de Sesé Mateo: “O libro amosa a persoa combativa e optimista tras a asasinada”

No 2019, Sesé Mateo puido articular a “última palabra” coa publicación de No camiño do vento. A súa gorxa, “ollada crítica” e posicionamento optimista ante a vida rexurdiron, pese ao intento de ser silenciados no 2017 co seu asasinato, grazas ao traballo recompilatorio e de edición entre familiares, amigos e un grupo de mulleres pertencentes a diferentes institucións galegas e sensibilizadas coa violencia de xénero. É o caso de Míriam Ferradáns, quen se enfrontou dende o agarimo e a irmandade ás “complexidades” da revisión dos versos de Mateo. Dende o traballo en equipo, a poeta e traballadora social remou cara a mesma “necesidade de resarcila de vítima”, etiquetaxe que ve común noutros casos mediáticos que impoñen a vulnerabilidade á figura feminina.

Fonte: sesemateo.es.

Cal foi o propósito principal que motivou o proxecto editorial? 

Que visen a luz as verbas de Sesé. Aínda que alguén lle quitou a vida, ela podía seguir a se manifestar. Había moita carga simbólica na acción: queríamos que dixese a última palabra e resarcila de vítima. Foi un elemento de impacto, non é habitual que aparezan as verbas de mulleres asasinadas, pero tamén vai máis alá da violencia chegando ao optimismo.

A resposta recibida foi a agardada?

Comezamos coas perspectivas xustas pero a resposta foi fantástica mediática e socialmente. A presentación do libro, dous anos despois do seu asasinato, foi a verdadeira despedida para a súa entorna. Coñecer a súa familia redimensiona todo e, para nós, era fundamental supoñer unha rede de apoio para esta. Durante todo o proceso, as que nos involucramos “dende fóra” sempre mantivemos o pacto non escrito de absoluta fidelidade e defensa da figura de Sesé.

Que puido aportar a publicación ao proceso da perda na familia?

As persoas que pasan por eventos traumáticos coma este, no que ardeu o seu fogar, tópanse, ademais de con ter a vida tronzada, con dificultades burocráticas para pasar certos procesos. Neste caso, grazas ao libro non pasar desapercibido, os seus fillos Igor e Joshua puideron chegar a ter máis visibilidade e voz. Pese a saber disociar e desbotar a súa definición coma vítimas durante todo o proceso, o libro si lles permitiu chegar a lugares de expresión habitualmente dificultados. Os beneficios da publicación, por outra banda, foron íntegramente dirixidos ao Fondo de Becas Soledad Cazorla, da Fundación Mujeres.

Quen era Sesé? Ao te aproximar ás súas intimidades, a través da escrita, sen a coñecer en persoa.

Foi unha persoa que debemos respectar. Escribe dende unha denuncia social, reflexo da súa persoalidade marcada. Era moi combativa e optimista, iso é o que a define e non ter sido asasinada, que quizais ese feito puido vir a partir destas características. Nesa ollada crítica vexo similitudes con Luísa Villalta ou Xela Arias. A edición foi complexa, non sabía como me enfrontar á revisión sen falar con ela para preguntar determinadas cuestións.

Que pegada deixou en ti? No relacionado coa produción poética así como no vital.

Nunca quixen abordar o tema dende a produción propia, sinto que non teño nada que aportar. Vin o que hai detrás, o horror e terror familiares. Hoxe, cando me chega a existencia dun novo caso, especialmente se é o dunha muller con crianzas, é inevitable que me veñan á cabeza Joshua e Igor. Non podo evitar pensar na situación de desamparo.

É un libro que axuda a trazar ese “camiño” fóra dos vínculos violentos? Tería, asemade, utilidade dende o pedagóxico?

Si, está escrito dende o optimismo máis radical. Pese a non ser poesía amable, xa que contempla condicións complexas, é un canto a vida. Pode axudar a calquera persoa en situación de desamparo, xa que tamén aborda a súa experiencia co cancro. Podería ser moi interesante para o alumnado da ESO ou Bacharelato, como medio para a reflexión e non dende o literario.

No percorrido dende o 2019 a este 2024, ves unha muda social no que compete á violencia de xénero?

As cousas non mudaron e, de facelo, fíxoo excesivamente pouco. É moi urxente intervir no eido educativo ou, máis ben, o familiar: dende os discursos dos pais, nais, avós… É complexo pero chave. O mundo adulto, primeiro, é o que debe cambiar.

Existe un perfil de muller asasinada ou maltratada?

É unha cuestión moi heteroxénea que vai dende o económico ao cultural, pasando pola educación. É impredecible. O que si, non as definiría como vítimas. Pese a que en parte exista certa submisión, non podemos seguir a pensar que unha muller maltratada é calada, subordinada, invisible… É máis sinxelo trazar o perfil deles.

Que eido conta con máis urxencia para a concienciación ao respecto da violencia de xénero?

O Concello de Redondela fixo entrega esta fin de semana, por cuarto ano, do Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético. Como contemplas os discursos mediáticos ao respecto deste tipo de casos?

Dende a comunicación é importante traballar na visibilización das mulleres e da violencia machista. Nos medios existe moita violencia, dende a propia imaxe a moitas arestas. Non debemos permitir titulares como “Unha muller morre a mans de…”; se te matan, morres. Co que escoito e vexo, tamén en redes sociais e nas modas existentes, dame a sensación de que imos cara atrás. Agora hai un discurso idealizante das amas de casa, por exemplo, que influenza aos adolescentes e non profundiza na realidade.

Como de importante é a contemplación, dende o visor feminino, dos diferentes eidos?

Diría, máis ben, feminista. É fundamental e irrenunciable en todo campo e aspecto. Se non muda todo, nada se vai poder mudar. Recentemente, lin unha publicación que relacionaba arquitectura e xénero e é un claro exemplo da necesidade de feminizar a ollada. Todo está impregnado da masculinidade, mais a nosa presencia é indispensable ata na construción dunha casa.

Quedan verbas de Sesé por dicir?

Escribía moito, así que si. Hai máis material pero moita da súa produción morreu con ela, no incendio da súa casa. Tamén me interesaría coñecer o relato de Joshua, o seu fillo maior.

 

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.