Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

AstroXabi: como divulgar a astronomía en galego no YouTube

Xabier Pérez, orixinario da Coruña, é a persoa que se atopa tra-la canle de YouTube AstroXabi, un espazo divulgativo no que o estudante de matemáticas comparte os seus coñecementos sobre astronomía. Dende abril de 2021, Xabier sube vídeos nos que explica diferentes conceptos teóricos e prácticos á vez que comparte consellos para que o seu público comece as súas primeiras actividades de observación astronómica. 

Os comezos de AstroXabi

“Eu diría que hai dous inicios, un máis oficial e outro máis realista”: así comeza Xabier o seu relato en entrevista con Neofalantes. “O realista é que eu non sabía que estaba creando unha canle. Unhas amizades xuntáronse polo meu cumpleanos e regaláronme un telescopio. Unha vez o tiven, eu quería facerlles un vídeo do unboxing para ensinarlles a ilusión que me fixera o agasallo”, explica.

A historia de AstroXabi comezou cando gravou o vídeo, duns quince minutos, cun tamaño de arquivo que WhatsApp non lle permitía enviar. “Entón subinno a YouTube e editeino un poco, e ese vídeo comezouno a ver moita xente e a ter unha resposta positiva”. Contando coa súa traxectoria de estudo e traballo no eido, Xabier decidiu dar un paso máis aló neste proxecto. “Dixen: como a min gústame moito dar a tabarra aos meus amigos con temas de astronomía por WhatsApp, por que non facelo por YouTube e así o pode ver quen queira?”, lembra.

Xabier, durante a gravación da apertura e montaxe do seu telescopio.

Foi cando a canle xa contaba con tres vídeos, “en concreto, co de ‘Como iniciarse na observación astronómica’”, cando por vez primeira xorde nel a idea de adicalo á elaboración dunha guía que recollera conceptos concretos e útiles, “en pequenas pílulas de cinco ou seis minutos e nunha linguaxe máis comunicativa para o público xeral”, explica. 

Con este novo rumbo trazado, os posteriores vídeos da canle continuaron a recibir a mesma boa acollida, un feito que serviu a Xabier de inspiración. “Ata hai un ano non me vía facendo divulgación, polo tema de falar en público”, explica, “e máis sendo YouTube un arquivo eterno. Pero a boa recepción dos vídeos, a subida nos subscriptores e nas visualizacións… todas esas cousas motiváronme a continuar.”

Divulgando no YouTube

Para Xabier, YouTube dispón de ferramentas moi efectivas para o cometido de divulgar. Neste senso, é certo que a plataforma actúa a modo de repositorio para os contidos que suben as canles á vez que, explica, “ofrece unha grande facilidade á hora de compartilos. Outras redes non permiten tal grao, ou mesmo dificultan a tarefa, como Twitch”, unha plataforma que, se ben tamén almacena os vídeos, enfoca mais a atención cara os streamings, ou as emisións en directo. Inevitablemente, isto resulta nun contido diferente ao de YouTube, que adoita ter pasado un proceso de postprodución previo á súa publicación. “No meu caso, gústame facer un guión e asegurar ben o vídeo antes de subilo”, comenta Xabier, que ten clara a súa aposta por esta última.

Porén, isto non significa que as creadoras e creadores de contido como el non atopen fochancas durante o seu traballo na plataforma: “por unha parte”, explica, “está a política de monetización e publicidade: agora mesmo, se non monetizas a túa canle, os anuncios aparecen nos teus vídeos igualmente, mais eses cartos van para Google. Ao final, eles son quen lles sacan auténtico rendemento a ese contido”, conclúe ao seu pesar. Neste sentido, a publicidade aséntase como un elemento a maiores durante o seu consumo, e isto é algo tamén debe aceptar a audiencia. 

“E, por outra parte, o tema do algoritmo que emprega a plataforma para as recomendacións para o usuario” que, acusa, hai tempo que deixou de ser o máis óptimo na práctica. “Xa non che recomenda tanto as cousas que poden interesarche a ti como si as cousas que a youTube lle interesa que vexas: entretemento de espectáculo que, ademais, adoita empregar clickbait, unha práctica que en contidos divulgativos nin ten sentido”, acusa. 

No seu último vídeo, “Culturas estelares: as xirafiñas celestes”, Xabier explica e amosa algunhas das constelacións visibles en Suráfrica.

Malia isto, a escena do YouTube autóctono comprende xa centos de canles que empregan o galego como base. “Que exista unha carencia non significa que non haxa creadores de contido na nosa lingua, e de feito hainos, e moi bos”, asegura. Pero hai un problema endémico do que, para Xabier, non se está a falar: “moitas veces déixase caer demasiado peso neles e nelas: ‘que ben que veñen aquí a xente a regalar o seu tempo e facer contido en galego para normalizar o idioma’”, comenta. Efectivamente, o tempo e o esforzo que adican estas persoas non atopan retribución de YouTube ata que non acadan un determinado número de visitas nos vídeos e de subscriptores na canle, o que en moitos casos non chega a suceder. 

Estas creadoras e creadores, que traballan na súa maioría polo amor ao seu arte, tamén son os que actúan como un dos principais motores do idioma na súa normalización mediante a rede “cando son as propias institucións as que deberían de facer iso”, conclúe Xabier. “Son as que teñen medios e orzamento para impulsar as medidas X ou Y e para fomentar o uso do galego na ciencia, en humanidades, en artes… en xeral, en todos os eidos”. 

Incentivar para chegar máis lonxe

Precisamente é esa falta de incentivos e propostas, explica, a que impide unha auténtica proliferación dos contidos en galego. “Algo que se aplica á lingua, e a moitísimas outros casos nos que pode haber discriminación (e non só lingüística, tamén de xénero, étnicas…), é que ás persoas que están discriminadas se lles aplique discriminación positiva por parte das institucións. É dicir, que dalgún xeito se apoie -ou se premie, falando outra vez da lingua- facer máis cousas en galego para que cada vez máis xente o faga e, sobretodo, que cada vez máis xente o escoite.”

“Xa que”, comenta, “eu sei falar galego porque vía o Xabarín Club todos os días, por exemplo, ou porque o empregaba miña avoa. Pero, agora, cada vez hai menos avós e avoas que falan galego e a lingua está cada vez máis ausentes nas casas, nos medios de comunicación e mesmo no sistema educativo.” Contra a desaparición progresiva da lingua nestes eidos que determinan a súa naturalización e normalización, “agora é máis importante que nunca fomentar o seu emprego activamente a través de todas as medidas e os proxectos que fagan falta, coma o voso de Neofalantes.gal, e que dalgún xeito estes estimulen a produción de contidos en galego”. Pero, insiste, “sempre dende a naturalidade.” 

Xabier na súa entrevista coa astrofísica Jocelyn Bell, a cal tamén podemos ver na súa canle.

Pola súa banda, Xabier é neofalante dende fai cinco anos. Durante a súa estancia estudando un ano en Barcelona, sorprendeuse ao decatarse que a meirande parte da xente moza utilizaba o catalán na súa fala cotiá. “Entón vin en primeira persoa que ese ideal era acadable”, di, e apostou por levalo para a casa.

Dende entón, Xabier amósase positivo co feito de exista xente nova falando e divulgando en galego “en temas nos que antes estaba apartado, como a ciencia. Penso que pode motivar a moita xente aínda máis nova, por exemplo adolescentes nos institutos, a ver o galego non só como unha lingua para ‘falar de poesía’”, considera. Nas súas palabras: “ese é o mellor incentivo: dotar á lingua de auténtica naturalidade para así normalizala”. 

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.