Ir ao contido Ir ao pé de páxina

Axudámoste

< Todos os temas
Imprimir

Onde se estuda o idioma galego?

O estudo da lingua e a literatura galega é obrigatorio en Galicia en todos os niveis educativos pre-universitarios. As tres universidades galegas (A Coruña, Santiago e Vigo) ofrecen estudos de lingua e literatura galegas a nivel superior. Nalgunhas universidades europeas e americanas tamén existen cátedras ou seminarios de estudos galegos.

En Galicia

A principal oferta de formación lingüística para adultos está xestionada pola Xunta de Galicia.

As Escolas Oficiais de Idiomas de Galicia, que dependen da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, ofertan cinco cursos de docencia de galego, organizados nos seguintes niveis: Básico A2, Intermedio B1, Intermedio B2, Avanzado C1 e Avanzado C2.

Pola súa parte, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia organiza na actualidade os seguintes cursos para a poboación adulta:

Cursos de lingua galega. Están destinados aos diversos colectivos profesionais e sociais. Constan de catro niveis que se corresponden cos establecidos no Marco común europeo de referencia, elaborado polo Consello de Europa: Celga 1 (nivel A2), Celga 2 (nivel B1), Celga 3 (nivel B2) e Celga 4 (nivel C1).

Cursos de linguaxe administrativa galega. Están destinados ao persoal das distintas administracións e constan de dous niveis: medio e superior (este último destinado ao persoal das administracións local e estatal).

Cursos de linguaxe xurídica galega. Están destinados aos cadros de persoal da Administración de Xustiza e constan de dous niveis: medio e superior.

A Xunta de Galicia, como membro da Association of Language Testers in Europe (ALTE),prepara os modelos de exame para os niveis A2, B1, B2 e C1, que garanten o recoñecemento internacional da certificación do coñecemento de lingua galega.

Os servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas, así como os dalgúns concellos tamén organizan a súa propia oferta formativa de lingua galega, á que se pode acceder a través das diferentes convocatorias que estas entidades acostuman publicar nas súas respectivas páxinas web.

Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo

Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña

Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela

No período estival existe tamén a posibilidade de asistir aos Cursos de Verán de Lingua e Cultura Galegas para Estranxeiros e para Españois de Fóra de Galicia.

Fóra de Galicia

A Secretaría Xeral de Política Lingüística mantén convenios de colaboración con diferentes universidades de fóra de Galicia co ánimo de crear lectorados e cátedras de galego que potencien e difundan a lingua no eido internacional. Na actualidade existen trinta e seis centros de estudos galegos en diferentes universidades españolas, europeas e americanas. A Xunta de Galicia tamén impulsa o ensino e aprendizaxe do galego en colaboración coa Junta de Castilla y León, a través do Protocolo de promoción do galego no Bierzo e en Sanabria. Así mesmo, ensínase galego en centros de referencia para a colectividade emigrante, coma o Colexio Santiago Apóstol de Bos Aires (Arxentina), o IE Vicente Cañada Blanch (Londres) ou o Colexio Castelao de Caracas (Venezuela).

Fontes – Secretaría Xeral de Política Lingüística – Xunta de Galicia / Consello da Cultura Galega

Tags:
Table of Contents