Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Axuda a que o galego siga tendo mil primaveras máis

Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) convoca os IV Premios Mil Primaveras a proxectos de posta en valor e fomento do galego co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística. Estes premios, que naceron en 2019, recoñecerán accións, programas, campañas, proxectos… que teñan como obxectivo a promoción do uso e do prestixio da lingua galega. Nesta cuarta edición poderán ser candidatos os proxectos que tivesen vixencia, total ou parcialmente, en 2019, 2020, 2021 ou 2022.
NOVIDADES DA CUARTA EDICIÓN
Nesta edición de 2022 desaparecen as categorías en que se clasificaron os premios nas tres edicións anteriores e recoñecerase un máximo de catro accións, campañas, programas ou proxectos, sen establecer ningunha xerarquía entre os premios que se outorguen. Por outra parte, aumenta o número de anos de vixencia dos proxectos candidatos, pois poden presentarse proxectos desenvolvidos total ou parcialmente nos últimos catro anos.
Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica. Con eles procúrase o recoñecemento e a ampla difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado. Para axudar a dar a coñecer os proxectos premiados, organizarase un acto público de entrega e as candidaturas seleccionadas polo xurado estarán dispoñibles para a súa consulta detallada na web www.milprimaveras.gal, tal e como están agora os 20 proxectos premiados nas tres edicións anteriores.
INSCRICIÓN
A participación nos premios é voluntaria e a presentación dos programas de normalización lingüística candidatos deben facela as propias entidades ou persoas que os desenvolveron.  Non se valorarán propostas de accións pendentes de levar a cabo nin se premiarán traxectorias de entidades, senón programas concretos desenvolvidos nalgún dos anos indicados. Tampouco se poden presentar aos IV Premios Mil Primaveras (2022) os proxectos xa recoñecidos nas edicións anteriores.
A inscrición faise a través dun formulario dispoñible na web dos premios. Os proxectos deben presentarse por separado sen que haxa límite no número de candidaturas que se poden rexistrar.  O prazo para inscribir proxectos estará aberto do 21 de setembro de 2022 ao 31 de xaneiro de 2023.
XURADO
Nomearase un xurado que avaliará as candidaturas presentadas e escollerá as premiadas de acordo cos criterios que se establecen nas bases. O xurado estará formado por persoas técnicas de normalización lingüística, responsables de equipos de normalización e dinamización lingüística e persoas que teñan experiencia en dinamización lingüística. Será nomeado pola CTNL e non poderán formar parte del persoas promotoras de accións candidatas.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.