Cal foi o papel das mestras na historia de Galicia? O filme documental A Mestra da Escola dá resposta a isto, poñendo baixo os focos o valos das figuras das mestras rurais. En case 40 minutos, A Mestra da escola fai un percorrido pola historia da educación galega, destacando as condicións nas que tiveron que estudar moitos rapaces galego, que en moitas ocasións se vían obrigados a abandonar as escolas para poñerse a traballar, chegando á actualidade, para tratar a problemática actual do peche das escolas rurais.
Helena Villar, Teresa Ruibal, Camino Pereiro, Mar Lorenzo, Alicia Tojeiro e Pilar Ponte son as protagonistas deste filme documental, na que comparten a súa experiencia como mestras e alumnas no ámbito rural.
“Creo que aquela ilusión da mestra das tres primeiras escolas foi a ilusión triunfante da miña vida”, relata Helena Villar, quen comezou a súa profesión como docente no ano 1960. Pola súa banda, Teresa Ruibal recorda como a súa mestra chegaba nunha burra, e os días de frío queimaban os cadernos vellos para se poder quentar. Alicia Tojeiro é outra das participantes, que foi recoñecida como a mellor profesora española do ano 2020, poñendo en valor a educación dende o rural.
Todas elas fan fincapé na importancia do rural, e a calidade do ensino nestes espazos, mais destacando as características e identidade propias das escolas rurais, as que cómpre coñecer e entender para ofrecer unha educación de calidade. “Cando pechas unha escola rural o que estás facendo é pechando o último ano dunha cadea na que xa se pecharon outras cousas”, sinala Pilar Ponte, quen apunta que pechar unha escola é pechar a esperanza a que haxa máis nenos nese lugar.
A Mesta da Escola está producido por Meteórica Cine baixo a dirección de Alba Prol e a produción de Raúl García, directores do documental O Gran Camiño, premiado en máis de 20 festivais internacionais. Dende o pasado mes de abril o documental, feito baixo o patrocinio dos Fondos do Xacobeo 2021-2022, está dispoñible en Youtube.