Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Goza do Día da Poesía con Darío Xohán Cabana

O escritor lucense Darío Xohán Cabana (1952-2021) será o protagonista da conmemoración do Día da Poesía, que a Real Academia Galega (RAG) celebra con esta homenaxe o xoves nun acto no que familia, amizades e outros creadores recitarán versos do escritor e académico.

A homenaxe, de entrada libre, terá lugar ás 19,00 horas na Fundación Luís Soeane, na Coruña, e poderá seguir tamén en directo desde a páxina web academia.gal e a canle de Youtube da RAG.

O público asistente recibirá a plaquette ‘Darío Xohán Cabana, estirpe de labradores’, un volume coordinado pola directora da Sección de Literatura da Academia, Marilar Aleixandre, que reúne unha selección de poemas e de textos sobre Darío Xohán Cabana e a súa obra escritos para a ocasión polas persoas que tomarán a palabra.

A apertura do acto correrá a cargo do presidente da Academia, Víctor F. Freixanes, e de Marilar Aleixandre, a secretaria da institución e compañeira de xeración do homenaxeado, Margarita Ledo Andión, pronunciará o eloxio nun acto que conducirá a académica de número Ana Romaní.

A continuación, Chus Pato e Marilar Aleixandre recitarán poemas do escritor xunto a Pepe Varro, Marica Campo, Xoán Ramiro Cuba, Xosé María Álvarez Cáccamo, Anxo Angueira, María Alonso Seisdedos e Alexandra Cabana Outeiro, filla de Darío Xohán Cabana. Ademais, a súa poesía escoitarase arroupada pola música nunha actuación de Lois Pérez.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.