Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Estes son os proxectos premiados nos Premios Mil Primaveras de fomento do galego 2022

A edición de 2022 dos Premios Mil Primaveras a proxectos de posta en valor e fomento do galego recoñeceu catro programas que potencian a oralidade, a reflexión e o uso da lingua na formación non regrada. Son ademais proxectos que buscan crear comunidade e asociar a lingua con valores positivos e atractivos (a innovación, a creatividade e a autoestima).

O pasado 31 de marzo reuniuse o xurado dos Premios Mil Primaveras e decidiu outorgar os catro premios desta cuarta edición aos seguintes proxectos: Asociación Faladoiros Vigo, un proxecto de fomento da oralidade en galego creando espazos de confianza; Caranvexo TV, un recurso colectivo para fomentar a lingua a través do audiovisual;  Laboratorio de Apoderamento Lingüístico, un programa piloto para reflexionar e traballar o conflito lingüístico entre a mocidade e Na Utopía, unha plataforma de obradoiros en liña que ofrece contidos variados na nosa lingua.

Estes premios, convocados pola CTNL, naceron en 2019 coa finalidade de valorar, recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que teñen como obxectivo principal a posta en valor e o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e/ou prestixio. Desta forma búscase recoñecer e proxectar o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística, dar visibilidade a proxectos positivos e seleccionar boas prácticas que poden servir como modelos.

Logo de avaliar os proxectos presentados, o xurado seleccionou á Asociación Faladoiros Vigo. É unha iniciativa nacida en 2020 co fin de asociar espazos amables á conversa en galego nun contexto urbano, e busca formar comunidade onde poder comunicarse con fluidez e adquirir o costume de falar galego. Tamén a Caranvexo TV, un proxecto que puxo a andar o Concello de Moaña a comezos do ano 2018, unha televisión escolar co propósito de desenvolver un recurso de innovación educativa para dinamizar o uso oral da lingua.

Tamén resultou premiado o Laboratorio de Apoderamento Lingüístico (Rexenerando, S. Coop. Galega) que é un proxecto piloto de dinamización do uso da lingua e de xestión do conflito lingüístico, que integra metodoloxías de innovación social para a sensibilización sobre a diversidade lingüística e a abordaxe do conflito lingüístico. Finalmente, tamén resultou elexido Na Utopía, unha novísima plataforma de obradoiros en liña integramente en galego para proporcionar a oportunidade de aprender contidos diversos na nosa lingua fóra dos circuítos formais ou académicos.

Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica. Consisten no recoñecemento e na ampla difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado. Para axudar a divulgalos, os proxectos premiados están xa dispoñibles para a súa consulta detallada no web milprimaveras.gal. Tamén co mesmo obxectivo de divulgar e recoñecer, a CTNL organizará un acto público de entrega de premios.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.