Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Día da lingua materna: “A educación multilingüe, unha necesidade para transformar a educación”

Artigo de Henrique Monteagudo, sociolingüista e secretario da Real Academia Galega

Convocado por Nacións Unidas e a UNESCO, a súa organización específica para a cultura, o 21 de febreiro celébrase en todo o planeta o Día internacional da lingua materna, que o ano en curso ten como lema «A Educación multilingüe: unha necesidade para transformar a educación». Segundo os datos que ofrece a ONU, o 40 % da poboación escolar de todo o mundo carece de acceso á educación nunha lingua que fale ou entenda. O lema escollido para este ano xustifícase porque, segundo Nacións Unidas, «está a avanzarse na educación multilingüe grazas tanto a unha maior concienciación sobre a súa importancia, sobre todo nos primeiros anos de escolaridade, como a un maior compromiso co seu desenvolvemento na vida pública». Ora ben, como esclarece a UNESCO, «a educación multilingüe que este organismo propugna debe estar baseada na lingua materna ou primeira lingua dos escolares». Isto é, trátase dun «tipo de educación que comeza na lingua que o alumno domina mellor e logo introduce gradualmente outras linguas». O propio organismo explica que «a educación multilingüe baseada na lingua materna facilita o acceso e a inclusión na aprendizaxe dos grupos de poboación que falan linguas non dominantes, linguas de grupos minoritarios e linguas indíxenas». De acordo coa UNESCO, o lema deste ano convida a explorar e debater «o potencial do multilingüismo para transformar a educación desde unha perspectiva de aprendizaxe permanente e en diferentes contextos».

A ligazón entre a lingua materna —cientificamente adoita falarse máis ben de «lingua familiar»— e o ensino que establece Nacións Unidas na presente convocatoria non pode ser máis oportuna. Dous dos maiores desafíos que hoxe confronta o galego para garantir o seu futuro son a ruptura da súa transmisión xeracional, isto é, o abandono do uso do galego como lingua familiar, especialmente nas relacións entre pais / nais e fillos / fillas, e a presión desgaleguizadora que sofren os rapaces e rapazas galegofalantes á hora de integrárense no ámbito educativo, non só dentro das aulas e co profesorado, senón tamén fóra das aulas nas súas relacións cos compañeiros/as. Ambos os fenómenos están intimamente relacionados, como poñen de manifesto os estudos que vén realizando o Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega nos últimos anos, nomeadamente o Mapa Sociolingüístico Escolar de Ames e Prácticas lingüísticas na infancia: A xestión lingüística nos primeiros contextos de socialización.

Mentres as familias teñan a percepción de que os seus nenos e nenas van ter máis facilidade para aprenderen e integrárense no medio educativo falando castelán que non falando galego, manterase a tendencia a deixar de lado o idioma tradicional da familia e adoptar o castelán. O programa piloto que estamos desenvolvendo no municipio de Ames, coa colaboración da comunidade educativa e do propio concello, vainos permitir -ou iso agardamos- deseñar estratexias eficaces que nos permitan rachar o círculo vicioso entre a ruptura da transmisión interxeracional do galego e o papel desgaleguizador da educación. O que resulta evidente é que para afrontarmos este desafío precisamos liñas de actuación eficaces do goberno galego, a colaboración entre as distintas institucións -as administracións locais teñen moito que achegar neste terreo- e a implicación das familias e do conxunto da comunidade educativa. De certo, o lema escollido este ano por Nacións Unidas para o Día internacional da lingua materna constitúe unha oportuna chamada de atención cara a este obxectivo.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.