Xogar en galego ten premio

O proxecto Somos Xogo convoca o certame “Xoga en galego”, un concurso que pretende dinamizar o uso do galego no ámbito lúdico. O certame, dirixido a un público infantil e familiar, céntrase nos xogos de mesa, a través dos cales busca a dinamización lingüística e impulsa a creatividade.

Ata o 20 de maio do 2022, as persoas que desexen participar poderán enviar a súa proposta a [email protected] O certame establece dúas categorías: individual ou grupo informal (familia, amizades) e grupo formal, se se participa a través de escolas, asociacións ou colectivos formalmente organizados.

Os xogos presentados, de temática libre, deben estar integramente en galego, e valórase o respecto dos valores sociais e culturais positivos, así como que estean dirixidos a un público infantil, xuvenil e familiar. Os gañadores en cada categoría serán premiados cunha bolsa de valor de 100€ para mercar xogos, así como unha sesión lúdica con Xandobela para o grupo formal.

Con esta iniciativa, o proxecto Somos Xogos, galardoado recentemente no certame Mil Primaveras, pretende “difundir e revalorizar o xogo como importante compoñente do patrimonio cultural galego e alentar á creación de novos recursos lúdicos”. As bases do certame pódense consultar na páxina web de Somos Xogo.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará