Vilalba presume dunha gran Rosalía nun mural da vila

“A fiestra de Rosalía” é o nome co que o artista vilalbés Pablo Lage Van Kraft bautizou unha gran imaxe da escritora galega, que agora se pode ver na aldea lucense. Durante a pasada semana, o graffiteiro elaborou un mural que homenaxea a Rosalía de Castro.

A fachada lateral dun edificio particular entre a rúa Conde Pallares e o xardín da Torre dos Andrade é o lugar no que se realizou a obra, nunha superficie duns 80 metros cadrados. “Cunha gama de cores cálidas, propias da paleta cromática da Terra Chá e adaptadas á contorna na que se realiza”, como definiu a vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, Vilalba xa presume dun mural de Rosalía que se enmarca dentro de diferentes actividades para divulgar a figura da autora.

“Podemos gozar dun mural de recoñecemento da figura de Rosalía de Castro, unha das grandes figuras do noso país, que pouco a pouco vai ocupando o lugar que merece”, sinalou a presidenta do Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), Marisa Barreiro, como recolle Nós Diario.

Barreiro, xunto a outros representantes do IESCHA e da Deputación de Lugo, como Maite Ferreiro, visitaron o lugar da obra o pasado martes 16. Ferreiro aproveitou a ocasión para sinalar as oportunidades que “o auxe da arte urbana ofrece para achegar referentes culturais como Rosalía de Castro a un público maioritario, especialmente ás xeracións máis novas”. Ademais, destacou outras actividades como representacións teatrais inspiradas na autora e intervencións murais en recintos educativos, dentro das iniciativas do IESCHA para divulgar a figura de Rosalía de Castro.

Puntualizaron tamén como a obra de Pablo Lage se realizou seguindo toda a normativa de patrimonio correspondente, para que o mural se integrase de maneira adecuada coa contorna. Máis información en Nós Diario.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará