(Vídeo) “Neofalantes, unha oportunidade para o galego”… Son o futuro da lingua do país?

“Máis dun millón de galegas e de galegos aprenderon a falar coa lingua galega. Mais esta é unha tendencia á baixa. A meirande parte das que hoxe teñen menos de 50 anos criáronse falando castelán”. Con este dato comeza a reportaxe Neofalantes, unha oportunidade para o galego, que pon en valor o papel do neofalantismo para futuro da lingua galega.

Producido por Nós Televisión, este vídeo viaxa ata Burela e Santiago para coñecer diferentes proxectos relacionados con neofalantismo e os neofalantes, a quen consideran “axentes imprescindibles para a supervivencia do galego”.

Dende 2012, o alumnos do IES Perdouro de Burela emiten semanalmente un programa en colaboración co Radio Burela, sumando xa 355 episodios. Promovido polo mestre de lingua de literatura galega Bernardo Penabede, este proxecto educativo, o Proxecto Neo, cédelle o micrófono a neofalantes, para crear un espazo de diálogo intercultural.

A reportaxe tamén destaca o que coñecen como Modelo Burela, que dende o 2003 promove o plurilingüismo (entendido como o diálogo entre culturas), a incorporación de neofalantes e a inclusión de persoas chegadas do estranxeiro, apostando sempre pola atención a diversidade. “Hai que buscar as maneiras de que a xente vexa que a lingua é algo que nos fai grandes, afirma o alcalde da localidade, Alfredo Llano García, quen sinala Burela como un lugar con moita pluralidade e acostumado a vivir con diferentes culturas.

Esta plataforma dixital, Neofalantes.gal é outras das iniciativas á que da voz a reportaxe. “Un dos obxectivos é falar sobre todo de casos de neofalantes para que outros que estean na mesma situación ou que estean comezando se animen a falar galego”, explica o coordinador do proxecto, Xurxo Salgado. “A idea é crear un portal que sexa a cimentación dun gran proxecto futuro que é que a xente se sinta identificada cun dos idiomas deste país”, destaca.

Acoller aos neofalantes é esencial no futuro da lingua, e iniciativas como estas necesarias para visibilizar o fenómeno do neofalantismo e invitar ás persoas a falar galego, e así o demostra a reportaxe publicada por Nós Televisión o pasado 25 de xuño. Ademais, en dito vídeo tamén participan persoas como o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, ou o sociolingüista e director do IES Arcebispo Xelmírez, Manuel Portas. Este último fai fincapé na importancia de apoiar aos neofalantes, pois “son o futuro deste país”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará