(Vídeo) Alumnos de Eramus en Galicia unen as súas voces homenaxeando a Florencio Delgado

Acentos arxentinos, italianos ou franceses son algúns dos que se escoitan na adaptación de Galicia infinda, o poema do homenaxeado Florencio Gurriarán , elaborada por 17 estudantes de Erasmus en Galicia. Dende a ESN Vigo (Erasmus Student Network), coa participación dos campus de Ourense e Pontevedra, elaboraron un vídeo para celebrar o día das Letras Galegas.

Lélio, Cem, Ece, Pierre, Jesús, Jorge, Peta, Malam, Agus, Delfi, Arianna, Iris, Eleonora, Sara, Francesco, Luca e Zvonimir son os mozos e mozas que, xunto con voluntarios galegos da ESN, recitan en galego o poema do autor de Valdeorras.

Trátase dunha adaptación na que inclúen referencias aos seus lugares de orixe e ás súas experiencias en Galicia, facendo ademais fincapé na idea que transmitiu Florencio Delgado Gurriarán dunha Galicia sen fronteiras capaz de chegar a calquera lado. Así, estes estudantes de diversas nacionalidades (Francia, México, Inglaterra, Arxentina, Italia e Croacia), anímanse a recitar en galego para corroboralo.

O coordinador do proxecto, Samuel Fernández, explicaba ao diario Atlántico a escolla do poema Galicia Infinda e a importancia de transmitirlle a idea do poema aos estudantes que este ano estiveron na nosa comunidade. “Pensamos celebrar as Letras Galegas deste modo e involucrar aos Erasmus, xa que ademais o poeta homenaxeado caracterizábase por ser amplo de miras e un poeta moderno que aposta polos valores distintos aos que predominaban entonces”.

O vídeo, que foi publicado na canle de YouTube da ESN Vigo, foi publicado o pasado 12 de maio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará