Unión das linguas oficias do Estado para elaborar informes que analicen as súas situacións

Galego, éuscaro e catalán contarán cun informe bianual sobre a situación das respectivas linguas, así como unha mostra multidisciplinar para visibilizar a cultura creada arredor destes tres idiomas. Representantes do Consello da Cultura Galega, o Insitut Ramón Llull, o Etxepare Euskal Institutua e o Instituto Cervantes propuxeron esta acción conxunta para poñer en valor as diferentes linguas do Estado.

Santiago de Compostela, no Consello da Cultura Galega, acolleu a reunión, na que se deron a  coñecer os detalles desta iniciativa, cuxo informe, de carácter bianual, permitirá contar con indicadores comúns para realizar comparacións “máis efectivas, así como un documento de conclusións con sentido propositivo, orientados a accións concretas”, como explican dende o Consello da Cultura Galega.

Con respecto á mostra intercultural, esta xuntará a creación actual nas tres linguas en diferentes ámbitos. Música, audiovisual ou danza estarán presentes dentro desta mostra, que terá un carácter itinerante e cuxo obxectivo é visibilizar a creación das comunidades. Ademais, tamén acordaron a articulación dun procedemento que facilite a tradución literaria contemporánea entre as diferentes linguas.

O acto, que se presentou o pasado mércores 25 de maio, contou coa participación do director do Institut Ramón Llull, Pere Almeda; a directora do Extepare Euskal Institutua, Irene Larraza; o director do Gabinete do Instituto Cervantes, Martín López-Vega; e a presidenta do CCG, Rosario Álvarez.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará