Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Un Florencio Delgado de neno e uns prismáticos máxicos para que a cativada coñeza ao homenaxeado das Letras Galegas

“Ola, estou aquí! Recíbesme? Parece que si! Antes de nada tes que saber algo importante: estou un pouco nervioso. Contratáronme para contarche a historia da miña vida.” Así se presenta o propio Florencio Delgado Gurriarán na biografía “Son o poeta que cruzou o océano”, elaborada pola escritora Ledicia Costas.

Unha encarga da Real Academia Galega impulsou a Ledicia Costas e elaborar unha biografía do homenaxeado das Letras Galegas 2022, destinada aos máis cativos. O portal Primavera das Letras, un proxecto da RAG dirixido ao público escolar de infantil e primaria invita a coñecer a vida do escritor de Valdeorras dunha maneira diferente: co propio autor de neno como protagonista, que explicará a súa vida a través duns prismáticos máxicos que lle permiten viaxar no tempo.

“Para min escribir esta Primavera das Letras foi tamén un xeito de descubrir a vida e a obra de Florencio”, explica a escritora Ledicia Costas, que optou por retratar a Delgado Gurriarán de neno para facelo máis atractivo para o público infantil. “A súa vida foi case unha especie de aventura e pareceume unha boa idea que fose o propio Florencio quen a contase desde a visión infantil, considerei que era unha maneira de facela máis atractiva para o público de Primavera das Letras”, engade.

Así, Ledicia Costas, xunto coas ilustracións de Blanca Millán, ofrece coñecer a vida do homenaxeado dunha maneira amable, pero repasando todos os acontecementos vitais do autor, como o seu exilio tras o golpe de Estado do 36 ou a creación da revista Viveiros (1959-1968), transmitindo ao mesmo tempo o abraio que a propia autora sentiu ao descubrir a obra de Florencio Delgado Gurriarán.

O portal Primavera das Letras, ademais, tamén ofrece outros recursos para traballar a figura do homenaxeado cos máis cativos. Fichas para colorear, deseños de marcapáxinas ou actividades interactivas pódense atopar no portal da RAG para os máis cativos, onde tamén se amosan vídeos de nenos e nenas de Valdeorras cantando e recitando os poemas do autor.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.