Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Un bo polbo

Rebeca Munín, directora da Revista Pincha

Hai uns anos, entrevistando a un polbeiro do Carballiño, confeso que asentín cando defendía que o que el servía era ‘pulpo’, non polbo. Pensaba eu daquela o típico de que “por que cambiar se de toda a vida dicímolo así”. Reflectía esta conversa un vello debate da vila ourensá, que na actualidade segue referíndose á celebración como a ‘Festa do pulpo’.

Hoxe a miña resposta para ese comentario sería ben diferente. Levo preto dun lustro escribindo sobre gastronomía e cultura na Revista Pincha. Descubrindo a riqueza do léxico da nosa lingua para referírmonos a milleiros de produtos ou técnicas culinarias. Vitela, milfollas, miolos, esfaragullar, lamberetada, cogomelo, pano de mesa, tixola, á grella… non digades que non soan ben!

A miña ferramenta fundamental perante posibles dúbidas é o Dicionario de alimentación e restauración, editado pola Consellería de Cultura e o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Unha obra que, ante a proliferación de estranxeirismos no eido gastronómico, propón alternativas que permiten substituílos polas denominacións galegas consideradas máis adecuadas.

Ben sabido é que o galego necesita ser protexido. En clara desvantaxe sobre outras linguas cooficiais en España, canto máis a usemos, en ámbitos diferentes e con naturalidade, máis axudaremos á súa supervivencia. Por que entón non facer ese ‘esforzo’ tamén dentro da cociña ou coa mesa posta?

Por outra banda, desde o punto de vista profesional, que pasa coas cartas dos restaurantes en Galicia? Comprendo que, como un xesto de deferencia cara aos clientes de fóra, haxa locais que oferten os seus menús en varios idiomas. Mais cantos coñeces que só utilicen o galego? Ou que teñan a versión galega e non só a castelá, complementada como moito coa inglesa? Se a inmensa maioría da túa clientela é da terra, por que non facelo? O historiador e profesor Miguel Ángel Cajigal, coñecido en redes como El Barroquista, recollía en Twitter o pasado agosto unha conversa nun local de Santiago na que un cliente protestaba por non distinguir o que incluía a comida que quería pedir. A descrición do prato combinado en cuestión era a seguinte: Lombo adobado con queixo, patacas fritidas, croquetas, ‘ensaladilla’ e pan. En serio pode resultar tan difícil para alguén de calquera lugar hispano falante entender o que alí poñía? E no caso de existiren dúbidas, non sería máis sinxelo que o persoal do bar ou restaurante llo traducise?

Eu, desde logo, hai tempo que deixei de pedir ‘pulpo’ cando vou a algunha feira. O que quero que me sirvan é unha boa ración de polbo.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.