Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Twitter xa ten unha rede alternativa cunha comunidade en galego; Mastodon.gal

Desde que o multimillonario Elon Musk lanzou unha OPA de 41.000 millóns de euros para facerse co control de Twitter, outra plataforma social, Mastodon, experimentou un notábel incremento no seu número de usuarios e usuarias, miles migrados desde a rede do paxaro azul a estoutra ‘gobernada’ por un mamut. Pero Mastodon non é unha plataforma social nova (foi lanzada en 2016); nin sequera é unha rede social.

Mastodon é unha organización alemá sen ánimo de lucro que desenvolve un software libre para que calquera poida crear unha rede social baixo o seu paraugas, o que no universo Mastodon se chaman instancias, isto é, servidores independentes nos que se conforman comunidades de usuarias e usuarios con intereses compartidos e coas súas propias normas, e que poden interactuar cos doutras instancias. Actualmente hai 3.730 instancias en Mastodon.

Mastodon é a antítese de Twitter e do capitalismo tecnolóxico ao ser libre, en man común, federada, descentralizada, sen censura nin manipulacións algorítmicas, filla da cultura e da ética hacker e parte do chamado Fediverso. Nesta federación, a lingua e cultura galegas xa teñen a súa propia instancia, Mastodon.gal, lanzada co gallo do Día das Letras Galegas 2022. O seu administrador é o enxeñeiro informático coruñés Rafael Alcalde Azpiazu.

“Dende moi pequerrecho xa me encantaba o cacharreo e temas que tiñan que ver coa informática. De feito, aprendín pola miña conta programación para facer aplicacións nunha PSP, que tiña liberado antes, cando estaba en 3º de ESO. Por iso, nada máis rematar o bacharelato, estudiei na Universidade da Coruña o grado e logo o mestrado en enxeñaría informática, do que como Traballo de Fin de Mestrado presentei un proxecto bastante interesante: un engadido para o videoxogo ‘Cities: Skylines’ que usa programación lóxica (en concreto, Answer Set Programming) para facer zonas industrais dentro do videoxogo. Actualmente, estou traballando remotamente dende Galicia como full-stack en Tiendeo, unha empresa de Barcelona. Somos un grupiño pequeno aquí en Galicia, pero cun boo ambente, que é o que importa”, resume Rafa Alcalde, coñecido como Nekerafa no ciberespazo nunha entrevista no GC. Toda a entrevista no Galicia Confidencial.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.